Dalo todo pola nación galega

A traxedia aconteceu o 12 de agosto de 1975, na rúa da Terra na cidade de Ferrol e a poucos pasos da praza de Armas, cando Xosé Ramón Reboiras Noia, obreiro, enxeñeiro técnico, dirixente da UPG, morría tiroteado pola policía da ditadura franquista. Tiña só 25 anos. Relataba posteriormente un veciño “escoitei tres rafagas de metralladora sobre as tres menos cuarto da mañá... dúas horas despois guindaron unha bomba de gases lacrimóxenos, utilizaron o megáfono para que se rendera... ouviuse un disparo illado e a continuación rematou todo”. Este asasinato coincidía no tempo co despido o día nove de 1.250 operarios das auxiliares en As Pontes, por mor dun conflito laboral, o que nos dá unha fotografa do momento.


Reboiras naceu en Imo, concello de Dodro, e criouse en Vigo, no barrio de Teis. Desde moi mozo bebeu nas ideas de progreso e galeguistas, nun primeiro intre ligado ao grupo alentado polo Padre Seixas e despois á Asociación Cultural de Vigo. Un dirixente de Organización Obreira lembra que en 1972 foi quen lles facilitou un aparello de impresión e que participou dalgunhas reunións clandestinas da INTER (sindical) que aglutinaba á representación obreira oposta á ditadura. OO xurdiu dunha escisión de CCOO como consecuencia da ruptura co Partido Comunista dun forte grupo das Xuventudes.


Coñecino no ano 1973, despois de retornar da emigración na Arxentina, e compartín un tempo casa con el na Coruña, e ambos formamos parte do recen constituído Cumio Executivo da UPG. Sen dúbida coa súa morte perdeuse un gran dirixente, tanto político como de masas, aínda que non podemos esquecer as limitacións que impuña a ditadura franquista. Mesmo así a súa contribución no eido organizativo, tanto a nivel sindical como das asociacións culturais, foi destacábel, xa que o nacionalismo popular atinxiu neste curto período unha base considerábel e moi activa en relación coa que tiña poucos anos antes. A Fronte Obreira e os xermolos sindicais medraron e deron soporte ao Sindicato Obreiro Galego, que daba os seus primeiros pasos poucos meses antes do tráxico suceso do 12 de agosto.


O seu asasinato foi un revulsivo que petou moi forte no corazón de moitos miles de mozos e mozas da Galiza, e espertou sentimentos e reivindicacións adormecidos ou secuestrados pola colonización. Este feito xunto co activismo propio das organizacións políticas e sindicais soberanistas, fixeron do nacionalismo galego unha referencia nunha conxuntura política de moita transcendencia, como foi a caída da ditadura e o proceso de transición.

Dalo todo pola nación galega

Te puede interesar