Os cusates da globalización e a guerra

A inflación é un dos máis graves problemas que enfrontan as clases populares, xa que implica perda de poder adquisitivo en produtos tan esenciais como é a enerxía, alimentos... E aínda que se modere algo nos vindeiros meses as expectativas non son boas, máxime cando no mes de marzo a porcentaxe interanual elevouse ao 10,5% na Galiza, e as causas que alentan a subida do IPC seguen presentes. Como as derivadas da pandemia e da guerra na Ucraína, e especialmente dun sistema económico e social globalizado e neoliberal ao estremo, onde calquera atranco na mobilidade e conflito causa desbastamento mundial. Mais, non se busca corrixir senón que se potencia este modelo. Daquela que as sancións a Rusia axen como un búmerang que tamén lesiona gravemente a actividade económica e ás familias na UE (e do mundo), tanto porque afecta a importación de enerxía, metais, alimentos e outros minerais esenciais, como o turismo e a actividade financeira.

Nesta liña o Governo central, coa complicidade da Xunta de Galiza, pretende máis unha vez que os maiores custes sexan absorbidos pola clase traballadora (salarios), autónomos/as e pequenos empresarios, consolidando e mesmo ampliando os lucros das grandes empresas e fortunas, malia que perante a pandemia do covid-19 xa acadaron beneficios extraordinarios. A esta estratexia, coa escusa de manter a competitividade e o emprego, sumáselle a contracción nos servizos e prestacións esenciais (como as pensións). E, para consolidar este recuar, coa menor protesta na rúa, buscase un novo pacto social coas centrais sindicais sistémicas e a patronal.

Evidentemente hai outro camiño, que pasa por terminar co fraude e a enxeñaría fiscal (consentida tendo en conta os avanzados mecanismos de control), e aumentar a presión impositiva sobre os os excesivos beneficios tanto de empresas como de persoas físicas (ate o FMI xa fala do tema). Os lucros das empresas eléctricas e da banca foron escandalosos perante a pandemia. Tampouco é admisíbel neste marco económico que se aumente o gasto militar até o 2% do PIB, uns 7 mil millóns máis de euros ao ano, coa escusa da guerra entre Rusia e a Ucraína. Por se non abondase abriuse unha fronte con Alxeria polo tema do Sáhara que prexudica a importación de gas a un prezo razoábel. Medidas nas que impera a política de bloques, das que o Governo de coalizón non dá explicacións, nen as pide a dereita. Nestes tema si hai complicidade. Nos vindeiros meses será central como se reparta entre clases e territorios o custo da globalización e da guerra.

Os cusates da globalización e a guerra

Te puede interesar