A cuestión da natalidade

En todas as épocas históricas houbo unha parte das persoas e familias que non tiveron descendencia, mais neste intre o tema é alarmante nos países chamados “máis avanzados”. Inciden nesta baixa taxa de natalidade (ademais do modo de vida, a profesión, etc) en gran medida os baixos salarios e a precariedade laboral e, no caso concreto de Galiza, unha forte migración da mocidade. Estes son atrancos que están directamente relacionados co sistema económico e social, e cómpre pórlles remedio axiña. Hoxe hai que ser moi atrevidos/as para ter fillos/as cando o traballo é temporal ou a tempo parcial, ou as xornadas son esgotadoras; ademais en caso de ruptura conxugal non hai garantías abondo como para ofrecer unhas condicións mínimas aos fillos e fillas. 
 

A estes dramas demográficos o sistema hoxe ponlles parches, como é a importación de man de obra barata, o que consolida a desigualdade, e retira o foco do intercambio desigual cos países dos que procede a migración forzada (e con descendencia máis numerosa, o que axuda ao parche demográfico sen custe extra). Tamén alenta a sobre explotación. Esta non debería ser a solución, tendo en conta a traxedia que implica deixar atrás familia e amizades, senón favorecer o medre da economía e o respecto pola soberanía dos países de orixe. Ademais, unha vez en destino, utilizase a cuestión migratoria para desviar o debate interno respecto do reparto do traballo e da riqueza, cando no Estado español un 42,8% vive por debaixo do chanzo de pobreza, fronte a un 25% para o conxunto da povoación (é dun 56% nas familias monoparentais). Non vexo abondo interese por desenvolver políticas de integración, que son esenciais... ou será que detrás do cosmopolita hai moitas veces unha aposta por sociedades fragmentadas? 
 

Para alén do modelo socio-económico, estratéxico, da precariedade e o parche migratorio (tan alentado pola patronal), resulta obvio que os fillos e fillas son unha decisión persoal, cuxos custes asume a familia (calquera que sexa a súa composición), e que hoxe son moi altos, e os beneficios redundan sobre toda a sociedade. E esta realidade obxectiva non se pode ignorar, moi especialmente por parte daquelas persoas que con altos ingresos, pola razón que for, e en todo o seu dereito, non teñen descendencia. Este custe extra das familias (con baixos ingresos) para que podan atender a crianza e formación debe ser asumido pola sociedade (tamén cando se trata persoas dependentes). Esta maior presión impositiva debe diferenciar tanto os ingresos como a condición familiar?

A cuestión da natalidade

Te puede interesar