Cousas federativas

Hai cousas que, por máis voltas e reviravoltas que se lle dean, son moi difíciles de entender. É o que me está a acontecer nestes últimos días co sistema de adxudicación das sedes dos partidos que decidirán cales van ser os dous equipos da chamada primeira división da Real Federación Española de Fútbol, nome eufemisticamente rimbombante para denominar o que en puridade é terceira división. Sempre despois do primeiro viñeron o segundo, o terceiro, etc. O de meter outras denominacións entre eles non deixa de ser un enredo para disfrazar a realidade dos feitos, isto é, facelos máis amables, aínda que nada cambie.


Mais non foi esta cuestión -aquí tanxencial- de denominacións a que motivou a escrita destas liñas, senón a xa citada de asignación dos recintos para xogar os encontros desta fase de ascenso á 2ª división, a de verdade, a que vén detrás da primeira.


Cando se comezou a falar de que a totalidade destes partidos se ía xogar en Galicia moitos manifestamos a nosa satisfacción, dado que así iamos ter moitas máis posibilidades de poder ver os encontros en directo, aínda que só no caso do Deportivo estaba claro que ía xogar en Riazor os partidos que tivese que disputar. Riazor era o estadio con maior aforo e o club coruñés o equipo con maior masa social dos posibles aspirantes. O resto estaba por ver, dado ese, na miña opinión, auténtico dislate, de asignar os estadios en función da demanda de entradas que realizasen os clubs implicados en cada partido. Iso podería ser moi atinado no caso de que o número de solicitudes puidese superar os aforos, algo que nin de moi lonxe se ía dar nesta ocasión. Non había máis que reparar na asistencia media aos partidos da liga regular disputados polos clubs en liza nestas finais para ter a certeza de que iso non ía pasar nin na Malata, o de menor capacidade das sedes.


O caso é que, como adoita pasar cando as programacións son absurdas, nesta fase final da 1RFEF vai haber un equipo beneficiado -o Deportivo-e outro prexudicado -o Racing-, cando non había necesidade de nada diso.


Polas declaracións do alcalde Mato, o pasado martes, soubemos, cando menos eu, que, coa decisión de que o Racing xogase en Balaídos, se incumpria, reproduzo textualmente o recollido no noso Diario do día 1, “la única condición que incluía el pacto acordado hace unas semanas entre Federación Galega, Racing y Concello para que la institución municipal de la ciudad naval aportase 30.000 euros para la organización del evento”. Como para fiarse da Federación. O alcalde dicía tamén que o concello se desvinculaba do asunto, que supoño que haberá que entender que de cartos nada. Só faltaría que nos aplicasen o de por riba de burros, apaleados.


Que o de vincular a designación de recintos ás demandas de entradas abre as portas ao engano era e é unha evidencia. Hai dous días, cando escribín este texto, non chegaban a 600 os seguidores do Nástic que confirmaran a súa viaxe a Vigo, número a todas luces moi distante das 1.500 entradas que se di que pediu o club. Se cadra, dado que o Racing non pedira ningunha, ese número real é inferior ao das solicitudes de UD Logroñés e Villareal B, ao que se lles asignou a Malata por, en teoría, ser o encontro de menor demanda. De chiste. Malia todo, teño o convencemento -ademais do desexo- de que o Racing vai ascender.

Cousas federativas

Te puede interesar