A corpo de rey

Non, que non cunda opánico que non vou falar do “demérito” que chegou hai pouco a Sanxenxo para facer algunha pequena singradura abordo do “Bribón” ( quen lle poñería ese nome tan oportuno ao barco)  pola ría de Pontevedra, e si referirme a cómo me trataron en Barcelona cando eu chegaba alí hai 53 anos ilusionado porque ía gravar o meu primeiro disco na compañia Edigsa. Era xaneiro de 1969. Que cómo me trataron? A corpo de rei.


Instaláronme en réxime de pensión completa no Hotel Oriente situado en pleno corazón da Rambla, un establecemento que outrora, no século XVII fora convento. Coa desamortización de 1835  pasou a outros usos ata que en 1841 o italiano Franco Durio mercou o convento e converteuno na “Gran Fonda de Oriente” que remataría logo sendo propiedade da familia Gaspar chegando a dirixilo o fillo do que fora presidente do Barcelona Joan Gaspar. E vostedes se preguntarán por qué me interesei en coñecer estes detalles: pois pola impresión que me causou estar aloxado nese vetusto e fermoso establecemento cheo de historias que contar.


Entón chamáballe o hotel dos toureiros e dos famosos e nos sótanos, onde quedou ao descuberto unha cripta con media dúcia de nichos, tamén chegou a montarse un tablado flamenco onde Manolete corría unhas esmorgas monumentais. Pero eu non era famoso, tan só un rapaz de vinte e dous  anos cheo de soños e ilusións invitado pola compañía editora de discos a estar a corpo de rei nese enblemático hotel


Tamén estivo aloxado nel Hans Christian Andersen o famoso escritor de contos e dende alí viviu a desoladora inundación da Rambla en setembro de 1862. Na súa terraza, compartiron mesa Federico García Lorca, Rafael de León  e Miguel de Molina. Rafael de León foi un célebre letrista de coplas e Miguel de Molina un popular cantante desas cancións que tanto éxito tiveron nesa época. Din que nesa reunión de amigos comezaron a xurdir os primeiros versos da canción “Ojos Verdes” e que Federico García Lorca lle dixo a Rafael de León: mariconazo, no me pises la letra de mi “Verde que te quiero verde” eh !


MIguel Vargas “Bambino” foi un eximio cantante, máximo representante do que se dou en chamar a rumba flamenca que cantou cancións escritas por Rafael de León. E miren por onde en pleno franquismo interpretou a canción “Mi amigo” que cantada por un home adquiría un marcado carácter homosexual. Despois a cantaría Roció Jurado e tería outro significado.


Nin que dicir ten que o pasei estupendo na miña estancia nese hotel cuxa estructura conventual era moi apropiada para atoparse cos fantasmas deses famosos peronaxes que andaron por alí. Pero non: unha mágoa

A corpo de rey

Te puede interesar