Coido que a formación de gobernos por medio da coalición de dous ou máis partidos políticos, é un acto totalmente democrático que está ao alcance de todos, agás para aqueles cuxa intransixencia ideolóxica lles impide flexibilizar os seus planeamentos para sintonizar con outras ideas e sensibilidades. Nese suposto, é fácil entender que, algúns partidos, nalgún momento, se vexan obrigados a pedir un pacto para que goberne a lista máis votada. Mais se ben se mira, pódese chegar á conclusión de que, o que se pretende é anular toda posibilidade de participación política para os partidos minoritarios, malia que a súa minoría estea incluída no pluralismo político, “como instrumento fundamental para la participación”, segundo recolle o artigo número seis do Título Preliminar da nosa Constitución. E xa que logo, a insistencia en pedir un pacto dese tipo, podería entenderse como un acto anticonstitucional ou, polo menos, antidemocrático. Non sei o que podería opinar o Tribunal Constitucional, pero a nivel da xente da rúa que non estea contaminada por algunha ideoloxía partidista, o mentado pacto semella que “cheira a corno queimado”. Digo eu, claro.