Castelao, unha lembranza obrigada

O 7 de xaneiro de 1950 morreu en Bos Aires, no exilio, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, sen dúbida unha das personalidades máis destacadas da historia dos últimos dous séculos da nación galega. Nado en Rianxo en 1886, foi emigrante de rapaz na Arxentina, na provincia de La Pampa, entre os anos 1895 e 1900. A partires de 1908 comezou a publicar seus debuxos na revista Vida Gallega. Integraríase en Acción Gallega, e posteriormente ingresa nas Irmandades da Fala en 1917.
 

No ano 1931 foi elixido como deputado nas Cortes. Ese mesmo ano tería un papel importante na constitución do Partido Galeguista, que deu unha expresión política autónoma ao país galego. Tamén é dunha gran relevancia a súa laboura a prol do Estatuto de Autonomía.
 

Tampouco se poden esquecer as súas ilustracións e análises, que son unha contribución  fundamental á formación dunha conciencia colectiva nacional e de xustiza social. Nomeadamente, obras como Cincoenta Homes Por Dez Reás (1925) son unha aguda e descarnada fotografía da sociedade galega, e Galiza Mártir, Atila en Galicia e Milicianos, feitos entre 1937 e 1938, amosan con enorme forza o drama da barbarie fascista. A súa obra fundamental, Sempre en Galiza (1944), é unha reflexión clarificadora encol da evolución histórica do país, das virtudes e atrancos, e do camiño que cómpre percorrer no futuro. 
 

Anos despois da súa morte, falando do tema na Irmandade Galega de Bos Aires, chamoume a atención o respeito que todos tiñan por Castelao, tanto pola súa actitude persoal como pola súa postura política. E esta valoración faciana malia que alí había comunistas, anarquistas, socialistas, social católicos... e que uns eran arredistas e outros só federalistas ou autonomistas. Cómpre lembrar que el foi quen tomou a iniciativa para a fundación da Irmandade Galega, que agrupaba así a seguidores do Partido Galeguista, da Sociedade Pondal e independentes. Un papel semellante tivo  Consello de Galiza, un xeito de governo galego no exilio, que presidiu.
 

Nunca escoitei criticas respecto de Castelao por parte de Da Presa, Bieito Cupeiro, Ricardo Flores, Daniel Nogueira, Lois Guede, Ricardo Montero, Alonso Ríos... que daquela representaban a sector máis radical do nacionalismo. El tivo a virtude de unir a todas as tendencias na andaina común (seica outra cuestión eran algunhas das persoas que o arrodeaban). Sen dúbida contribuíu a un modo de facer as cousas, un xeito analizar a realidade e de ollar a nosa historia, que representaron un salto político cualitativo, como se reflicte no “Sempre en Galiza”.

Castelao, unha lembranza obrigada

Te puede interesar