No mes de xaneiro naceu e morreu Castelao, daquela que o nacionalismo galego faga neste mes unha lembranza tan especial da súa vida e contribución á nación galega. Naceu o 30 de xaneiro de 1886 en Rianxo, e morreu o mesmo mes o día sete do ano 1950, en Bos Aires, no exilio. Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi sen dúbida a personalidade galega máis sobranceira do último século. Co gallo do seu falecemento o xornal A Nosa Terra nun especial salientaba, que: “fixo culto do amor a Galiza e ao seu povo, e loitou arreo pola súa liberdade”. O franquismo quixo agochar a súa figura, como intentou esmagar todo aquelo que tiña relación co feito nacional galego, coas xustas reclamacións dos de abaixo, dos labregos pobres e a clase obreira... mais non o conqueriu.
A Castelao temos que lembralo ademais pola súa contribución á formación do Partido Galeguista, que deu unha expresión política propia ao país e capaz de ilusionar ao povo, pola súa laboura a prol do Estatuto, pola sua capacidade para integrar no mesmo proxecto a persoas tan lucidas e diferentes como Bóveda, Suárez Pícallo, Anxel Casal... Porén moi especialmente cómpre recordalo pola súa coherencia (tan necesaria en todo momento histórico) e tamén porque expresou con argumentos sólidos e de xeito sinxelo a realidade social, as contraditorias e negativas relacións co Estado, así como as arelas de soberanía do noso povo.
Como non lembrar que en “Cincoenta homes por dez reás” amosa con crueza e fielmente a realidade social, mais tamén a súa gran sensibilidade. Concretamente en debuxos como “o home que en doce anos de América gañou pra un enterro de primeira” denuncia a traxedia da emigración. E no do “home rico en pesetas que regala céntimos pra ir ao ceo” critica o cinismo dos poderosos. Noutras obras súas, como Galiza Mártir, Milicianos e Atila en Galiza, reflectirá as barbaries do levantamento militar, da ditadura franquista. Porén, sería especialmente en Sempre en Galiza onde reuniu todo o seu pensamento social e político. É polo tanto un libro esencial... doado de ler, que procura convencer, non santificar.
Bieito Cupeiro, nado no Concello de Fene, nacionalista e socialista, e directivo da Irmandade Galega de Bos Aires, dicía neste número especial de A Nosa Terra sobre Castelao, que: “o mellor homenaxe que á sua lembranza podemos tributarlle é seguir loitando con desinterese e patriotismo, pra que teñan fin cumprido os anceios do ilustre compatricio, inspirándonos nas súas ensinanzas”. Castelao debe estar sempre presente.