O cárcere e a festa da Mercé

Virxe da Mercé, cuxa festa se celebra este domingo, está vinculada ao mundo do cárcere. Baixo esta advocación e baixo a súa protección sitúase todo o mundo penal, formado polas persoas privadas de liberdade, as súas familias, os funcionarios que traballan neste campo e todo o voluntariado, especialmente tantos cristiáns que regalan o seu tempo, a súa escoita e o seu compromiso na pastoral penal. Unha presenza de Igrexa fortemente valorada no cárcere, tanto pola propia institución como polas persoas privadas de liberdade.


Esta festa permítenos poñer a nosa mirada ante esta realidade do cárcere: un mundo moi descoñecido para o gran público, marcado por clixés cinematográficos e condicionado polos casos máis mediáticos. Un mundo afastado da vida cotiá, situado sempre no arrabalde da sociedade e, o que é máis triste, sepultado ante a nosa indiferenza e o noso esquecemento.


Vivimos nunha sociedade fortemente vindicativa. Aínda que pareza que desterramos o “ollo por ollo”, o noso concepto de xustiza segue buscando máis a vinganza que a redención. Ás veces miramos máis coas emocións que coa razón, miramos máis o delito que a persoa. Iso impídenos que nos acheguemos cunha mirada serena a esta realidade de sufrimento e marcada pola pobreza e a enfermidade.


A Virxe da Mercé, con todo, fálanos de misericordia: a misericordia que define ao noso Deus e que é a única capaz de xerar vida alá onde se implanta. A misericordia que permite fixarse e centrarse na persoa para que, desde o agarimo tan ausente en moitas vidas e desde a liberdade, se poida xerar un futuro novo e diferente. Un futuro que supere o pasado e que posibilite a plena integración na sociedade.


A celebración deste ano para a nosa diocese de Mondoñedo-Ferrol é especialmente significativa. Aínda que no territorio da nosa diocese non existe ningún cárcere físico, si que existen persoas privadas de liberdade que proceden das nosas parroquias, das nosas familias, das nosas comunidades. Por iso, tras un longo proceso de xestación no que estiveron moi comprometidas Cáritas Diocesana e a Pastoral Penal, xorde un piso de acollida para persoas privadas de liberdade.


Trátase dun novo recurso que a Igrexa pon ao servizo dos últimos para acompañalos e posibilitar o seu proceso de reinserción social. Coa axuda dos técnicos e dun grupo de voluntarios, permitirase a xentes da nosa diocese que cumpren condena no cárcere de Teixeiro que poidan gozar dos seus permisos de segundo grao máis preto da súa familia, o que redundará nun mellor proceso. Desta maneira, este recurso convértese nun novo espazo de misericordia situado na cidade de Ferrol para facela máis humana e habitable.


O proxecto foi bautizado co nome de “Alborada”: é o tempo de amencer, de raiar o día. Vénme á memoria aquela parábola na que o mestre preguntou aos seus discípulos cando terminaba a noite e comezaba o día. Un discípulo contestou: “Cando hai suficiente luz para distinguir un can dunha ovella”. Outro díxolle: “Cando podes distinguir unha moreira dun figo”. Entón o mestre respondeu: “Cando podes recoñecer ao teu irmán no rostro doutro ser humano. Ata entón será de noite”. Paréceme un nome fermoso para un proxecto que nos convida a saír da noite e acompañar o rostro de irmáns nosos que un día se equivocaron e que están chamados a vivir o seu tempo de condena como tempo de redención.


O meu agradecemento aos voluntarios da nosa diocese que se achegan ao cárcere de Teixeiro, de Bonxe ou de Monterroso, por ser as mans dunha Igrexa que quere acoller e escoitar. A miña gratitude tamén aos voluntarios e axentes que van poñer en marcha este novo recurso. Que a Virxe da Mercé acompañe e arroupe os vosos esforzos.


O voso irmán e amigo.


Fernando García Cadiñanos


é bispo de Mondoñedo-Ferrol

O cárcere e a festa da Mercé

Te puede interesar