Un cambio nos comportamentos

A miña primeira participación nun paro foi a prol dun ensino laico na Escola Industrial na que estudaba (fronte á obrigación dunha asinatura de relixión católica). Vivía daquela en Bos Aires dende 1951, cos meus pais e unha irmán, e tiña 13 anos. Os nosos emigrantes ollaban nos cregos o control do réxime, eran crentes máis non practicaban. Escoitaba as queixas dos paisanos sobre o poder abafante e elitista das clases dominantes, considerábanse como un mundo aparte, e as institucións eran sinónimo da opresión exterior.
 

Nos anos posteriores, moitos deles de militancia política, especialmente no ámbito sindical (xa retornado 

definitivamente a Galiza), ademais da importancia do proxecto transformador, da loita contra a opresión nacional e explotación laboral, foron collendo máis valor os matices. Por exemplo, no que fai ao proxecto: a cuestión organizativa, as tarefas, o relato, a vinculación do principal e secundario, do concreto ou local co xeral, a iniciativa e atrevemento. Ademais cada vez considerei máis esencial, porque condiciona a folla de ruta e as etapas do proceso de cambio: o contexto e a correlación de forzas; e o nivel da conciencia das clases populares, ou sexa, como se trasladan as contradicións aos medios de comunicación e ás institucións. 
 

Sen dúbida hoxe ficamos nun momento histórico complexo, de moitos matices, polo esgotamento do sistema económico e social imperante. O capitalismo está na súa fase senil, como afirmaba Samir Amin. O medre da desigualdade entre territorios e clases sociais, a desfeita do ecosistema e as limitacións nos recursos primarios, o aumento das tensións entre potencias, a perda de diversidade de especiais animais e vexetais, mais tamén de culturas e linguas da humanidade, requiren de novas respostas, que non poden estar supeditadas ao poder militar e económico. Respostas que respecten ás maiorías e ás minorías, ao multilateralismo, e garantan que os povos decidan, por máis pequenos que sexan. Cómpre rematar coa lei do máis forte, e que se impoña o valor da razón. 
 

E avanzar neste camiño non pode depender exclusivamente do resultado da guerra entre Rusia e a Ucraína (+OTAN+G-7), e moito menos dos intereses das grandes corporacións e grupos de poder facticos, de calquera tipo que sexan. Cómpre como a finais dos anos 50, como consecuencia dos efectos da Segunda Guerra Mundial e o avance do socialismo e dos procesos de liberación, que se dea prioridade no debate ao cambio nos comportamentos como primeiro paso para garantir un mundo sustentábel e xusto.

Un cambio nos comportamentos

Te puede interesar