Burgojazz

Na fin de semana pasada e no comezo desta que se nos acaba de ir, puiden gozar duns cantos espectáculos musicais de certo nivel, celebrados no espléndido marco da Aula de Natureza Juan Lembeye do Xardín Botánico do Burgo de Culleredo.


Para os ferroláns a Aula da Natureza ten un valor engadido como é o de levar o nome de Juan Lembeye e Lartaud (1816-1889), como é sabido, un ferrolán de orixes francesas, que emigrou a Cuba e alí fixo relevantes estudos ornitolóxicos, que, entre outras cousas, o levaron a descubrir catro novas especies. Á volta de Cuba instalouse en Culleredo, onde realizou investigacións de agronomía, relacionadas fundamentalmente co trigo. Foi, ademais, dúas veces alcalde deste concello no que morreu. Desde 2001, o Concello de Culleredo organiza o festival Burgojazz, que tivo a súa primeira xeira de actuacións nos Muíños de Acea da Ma. Logo xa pasou a realizarse na citada Aula da Natureza Juan Lembeye, ininterrumpidamente -só se suspendeu en 2020 por mor da pandemia da covid-19- ata este ano. É pois un evento musical -polo que teñen pasado máis dun centenar de grupos- totalmente consolidado e demandado, como demostra, ás claras, a grande asistencia de xente ás actuacións desta vixésimo primeira edición. Todos os días, nomeadamente o último, houbo un bo número de persoas que seguiron as interpretacións de pé, e non por teren tremendas ganas de bailar -que algunhas tamén o fixeron- senón pola falta de cadeiras onde sentar. A min costoume traballo atopar asento os catro días. Cómpre, pois, dárllelos merecidos parabéns tanto ao poeta fenés Pablo Bouza, xefe de servizo de Cultura e Educación, como a Penélope López, concelleira delegada de Cultura, que polo recinto andaron, como debe ser. Gustos jazzísticos á marxe. Foron sete os grupos ou bandas que puidemos ver e escoitar. Dous cada un dos tres primeiros días e un o último. Arrancou o músico vigués Rubén Fernández, co proxecto “Dous”, onde só canta, en compaña do pianista Sunil López. Seguiuno o clásico trío de piano, contrabaixo e batería Pablo Sanmamed Trío, afincado en Santiago, que lle meteu ritmiño á cousa. Jazz moderno con moita creación propia. O segundo día, pasaron pola tarima os tres compoñentes -clarinete, acordeón e guitarra, ademais de voces- do grupo lucense Volando Libre, bos e simpáticos músicos que me fixeron desfrutar, e Alejandro Vargas Trío, que deron entrada no festival á música cubana, ao jazz cubano, achegado á música popular caribeña. Zumaque Trío, trío -arpa, contrabaixo e batería- radicado en Compostela que se move en diferentes ritmos da música tradicional con grandes doses de improvisación, e o grupo coruñés Zafra, un quinteto musical -saxo, trombón, contrabaixo, piano e batería- acompañado pola voz da cubana Diana Tarín, que toca diversos estilos jazzísticos, encheron o cartel da terceira xornada.Puxo o ramo a banda madrileña No Reply, nove músicos que fan principalmente swing jazz, co que lle deron un ar ben festivo. A xente non se resistiu a bailar esa marabilla que é “Tu vuò fa l’americano”, do inesquecible e grande Renato Carosone, que tanto teño escoitado na infantoadolescencia. Peche redondo e a agardar o festival do vindeiro ano, se é que antes non acabaron connosco as armas, as pestes ou as fames que nos están a traer estes impresentables gobernantes que, aquí e acolá, nos tocaron en sorte. Mala, por suposto.

Burgojazz

Te puede interesar