Son consciente de que a voz “pub” vai asociada ao simple consumismo e se a queremos unir con cultura parece un atrevemento. Pero, esta “disonancia” pódese mudar nunha experiencia que a sume.
Para isto son necesarios varios ingredientes, onde a posibilidade de manter unha conversa de xeito normal, está no corazón da súa oferta. Así a música debe acompañar e contribuír ao bo ambiente e á socialización buscada. A escusa primixenia “tomarse unha copa” convértese en cultura, cando os produtos a consumir son dunha indubidable calidade e a carón a atención é feita por verdadeiros profesionais, que coñecen todos os vértices das bebidas que serven á clientela: saber a súa orixe, a súa colleita e como se transforma nese manxar que, con ou sen alcol, te están a servir. En definitiva, a súas historia e intrahistoria. Isto en Ferrol é posible. Aí está para confirmar as miñas palabras o “pub Bátava” na estrada de Catabois, fronteira co antigo Sánchez Aguilera.
Un pub único e singular non só na cidade do mar, senón no conxunto do país en sentido amplo. O Bátava é un lugar de cultura viva. Como curiosidade lembremos que houbo unha nación bátava na época romana e unha república bátava no XVIII, hoxe Países Baixos.