As folgas de marzo e setembro do 72 mudaron miña vida

Despois da folga do mes de marzo de 1972, en Ferrol, hai medio século, Antonio Soto escribiume desde México co obxectivo de retornase a Galiza, para me incorporar á loita clandestina contra a ditadura. Eu estaba emigrado na Arxentina na que me criei, estudei e traballei en distintas empresas. Consideraba el que podería axudar no fortalecemento da UPG, organización coa que tomei contacto en 1968, valorando meu activismo na Irmandade Galega e na colectividade emigrada. Mais fundamentalmente niña praxe no movemento estudantil primeiro e na fronte obreira despois, en Vanguardia Comunista, un partido que loitaba na clandestinidade contra as sucesivas ditaduras militares do momento na Arxentina. 
 

Coidei que non era o intre acaido para volver, xa que todo indicaba que o franquismo esmagaría toda resposta inmediata, aumentando os atrancos para a construción dun proxecto nacionalista de masas. Ademais, daquela estaba bastante comprometido na loita barrial en Solano, apoiando a dous militantes de VC nesta localidade, que eran fillo e filla de galegos/as, de apelido Iglesias. Era unha experiencia paralela á do ámbito obreiro na zona, e que coidaba esencial para a formación militante previa ao retorno a Galiza. 
 

En maio produciuse o paro en Barreras e en setembro estoupou a folga xeral na comarca de Vigo, que abrangueu a uns 25.000 traballadores e traballadoras. Foron máis de dúas semanas de paros, mobilizacións, cortes de trafico, e solidariedade popular, malia o acontecido no Ferrol, a dura represión policial e as 6.000 cartas de despedimento enviadas pola patronal, que despois quedarían en máis de 400, permitindo descabezar en parte ao movemento sindical e político anti-franquista. Vigo representaba a demostración de que a forte oposición á ditadura non era algo circunstancial ou local. Penseino detidamente: era o momento. Deixei o traballo, o despedimento da familia foi dramático, e nos primeiros días de novembro desembarcaba en Vigo, incorporeime á UPG, primeiro fundando ERGA e despois dando pulo á Fronte Obreira. 
 

Despraceime a Compostela e logo a Ferrol, en maio de 1973, para traballar nunha empresa auxiliar do naval, primeiro en Bazan, no barco “Paloma del Mar” e logo en Astano no “Buitrón”. Foron uns poucos meses, aínda a represión era dura; facíanse reunións clandestinas no monte. Crearase conciencia. Así o evidenciaron as mobilizacións masivas en 1975 e anos posteriores. As folgas de marzo e setembro eran polo tanto a expresión dun cambio de etapa. O nacionalismo galego de clase multiplicouse. Houbo éxitos e acertos, algúns erros... Mereceu a pena.

As folgas de marzo e setembro do 72 mudaron miña vida

Te puede interesar