Arxentina, inflación e axuste

Todas as expectativas de Milei, para manter vivo algún dos obxectivos prometidos na campaña electoral, están hoxe centradas na caída da inflación, que superou o 20” mensual nos dous primeiros meses do ano, xa que as previsións son de que en marzo suba o 13% (outros falan que sería do 15%), aínda que en termos anuais superará o 280%. O aumento este mes dos prezos do gas, electricidade, telecomunicacións e transporte (como mínimo) pode dar un carácter moi conxuntural a esta tendencia á baixa, e mesmo estancala ou revertela durante os próximos meses, aumentado a pobreza e desemprego, diminuíndo o consumo, e mantendo unha tendencia do PIB regresiva.


Esta evolución da economía non é casual, xa que o governo que se denomina “anarco-capitalista” coloca como centrais a eliminación do déficit público e o equilibrio orzamentario, mesmo nunha situación de retroceso da economía. Daquela que suprimise ou diminuíse as subvencións a colectivos sociais en situación de marxinalidade e pobreza extrema, que despedise a uns 15 mil empregados públicos (que seica chegarían aos 70 mil), rebaixase o valor real das pensións e frease a actualización dos salarios naqueles convenios nos que recuperaban o poder adquisitivo. As consecuencias destas políticas é que a pobreza xa atinxiu un 60%, e que caira o consumo un 4,1% anual en febreiro. Tan duro é o axuste que está prexudicando as clases medias que en moitos casos non son quen de facer fronte a algo tan necesario como ás “prepagas” (pola atención da sanidade con empresas privadas), desreguladas nos custes co DNU (recurrido pola oposición e pendente dunha resolución da xustiza).


En poucas palabras o governo de Milei dá a máxima liberdade ás empresas para que fixen prezos, mentres mantén unha regulación restritiva en pensións, salarios, servizos e prestacións sociais, ou sexa: unha política “libertaria” a prol do capital e moi ríxida para a clase traballadora e outros sectores populares.


Todo indica que na Arxentina, para alén das políticas neoliberais da última década, estas políticas estanse axustando aínda máis para garantir o proceso de acumulación do gran capital. Co falso argumento de que o aumento dos beneficios empresariais provocará un desbordamento favorábel ao medre da economía, á creación de emprego, e tamén un aumento dos salarios.


Todo indica que Arxentina como Chile na época de Pinochet é o novo experimento do gran capital, non na procura da xustiza social, senón para frear o descontento social polas políticas a prol da desigualdade e precariedade.

Arxentina, inflación e axuste

Te puede interesar