O ano que marchou

“Tamén nós proxectamos luz e facemos galaxia. Que o coidado sexa o modo de se comunicaren as estrelas”, di o fermosísimo texto de Eva Veiga -excelente poeta e amiga- que me chegou nun WhatsApp que recibín o último día do 2021. As belas palabras insírense nunha, non menos fermosa, composición de Alfonso Costa, cuxa primeira impresión me remitiu a un espazo galáctico onde destacan unha intensísima luz branca rodeada dun azul co que deseña unha figura que recorda o mapa de Galicia. Obrigadísimo, Eva.

Agradezo tamén, e como non, os envíos doutros amigos e amigas, algúns deles tamén de apreciable valor artístico. Sei que saben entender e desculpar este meu eloxio do envío da poeta de Ombre. Todas esas mensaxes, por mínimas que fosen, son, igualmente, mostras de cariño e afecto de persoas ás que eu tamén aprecio.

Como seguidor habitual que son do Telediario do mediodía da primeira cadea da RTVE, vin a emisión do resumo do ano que nesta ocasión encarnou a actriz Blanca Portillo, recente e merecidamente galardoada co premio Forqué á mellor interpretación femenina, por dar vida cinematográfica a Maixabel Lasa, no filme Maixabel (2021), de Icíar Bollaín, do que tanto gustei.

Non debe ser nada doado facer un resumo desas características, máxime se é para emitir nun espazo dun medio que ve infinidade de xente do máis diverso, en todos e cada un dos sentidos que se nos ocorran. É por iso que o traballo dirixido polo xornalista Carlos del Amor me merece a maior das consideracións. Magnífica a interpretación de Blanca Portillo –outro tanto poderiamos dicir da dos actores cun papel máis secundario (José Coronado, Antonio de la Torre, el Langui, Daniel Guzmán)– e ben tratados os temas dos que se fala, mesmo con algunha nota de humor irónico, como ese “menos mal que tenemos libertad para tomar una caña”, que di o taxista Antonio de la Torre. Aí están, como vostedes seguro que tamén viron, as críticas aos que non queren vacinarse -cando noutras partes do mundo carecen de vacinas-; ao pouco que se fai para resolver o problema do cambio climático -coa música de fundo do “The End” dos Doors e o recordos dos 50 anos da morte de Jim Morrison-; ao vergoñento asalto do Capitolio norteamericano; ao que motiva as masivas migracións e os ataques fascistas aos xestos solidarios (Luna e Abdou); aos casos de desigualdade e inxustiza -1000 días de cadea por querer conducir como os homes-; á violencia contra as mulleres; ao aumento dos delitos de odio, lembrando, diante da estatua de García Lorca, o brutal asasinato de Samuel, na Coruña...

Tamén se recordan personaxes relevantes mortos, como Almudena Grandes –presente nos magníficos versos de Luís García Montero, ditos por el mesmo– ou os cen anos que cumprirían Fernán Gómez e Berlanga. E ademais, os perniciosos efectos das nevadas ou da erupción do volcan da illa da Palma e outras cousas máis. Todo moi ben, como dixen, mais sempre hai un pero. No comezo, Coronado, que o ano pasado encarnou o ano 2020, di: “Fui el año más oscuro que se recuerda”. Con todos os respectos, eu, que teño 71 anos, recordo moito máis negros que o pasado 2020 os anos da cruel ditadura fascistoide de Francisco Franco.


O ano que marchou

Te puede interesar