A animarse toca

Saín da Malata co mesmo estado de ánimo que entrei. Ou parecido. Malia que, hai semanas, todo o peixe estaba vendido, tería saído contento se o Racing despedise o campionato cunha vitoria, que faría a sétima, o que, por outra parte, tampouco era moita cousa. Mais case nunca gusta perder, e menos aínda cando non é de todo merecido. Non quero dicir que onte o Racing despregase un xogo dominante que debese acabar cunha vitoria. Mais tampouco xogou para caer derrotado. E menos por 0-2. Ao meu entender de persoa que se considera obxectiva –mesmo no fútbol– o resultado verdadeiramente xusto tería sido un empate, que faría o número 20, se non estou trabucado. Porque o Racing desta tempada 24-25 foi un equipo de empates. Comezou cun 2-2 fronte ao Málaga e debería ter finalizado con outro, que as circunstancias non fixeron posible. A mala sorte que o acompañou case desde o comezo. Diso estou convencido. Non había equipo gañador? Correcto. As arbitraxes non motivaron o descenso? Correcto tamén. Pero non podemos negar que a sorte non acompañou en momento ningún. Nin coas actuacións arbitrais, nin coas lesións, nin con despistes e erros en defensa e en ataque nada esperables, nin... Un cúmulo de feitos que, sumados a aludida febleza do equipo, sobre todo en capacidade anotadora, levaron o equipo ao descenso de categoría.

 

Á vista da táboa clasificatoria, alguén quen non tivese seguido o equipo semana a semana podería concluír que as actuacións do Racing foron uns desastres continuados. E non foi así. Houbo algún partido desastroso, por suposto, mais non foi a constante. Non podemos dicir, por outra parte, que o habitual foi o bo xogo, porque non foi así. Houbo fases de bo xogo, si, mais moi esporádicas. Como esporádicos foron os momentos de xogo garrafal, que tamén os vimos. Se tivese que resumir en tres palabras o que foi a temporada diría que, globalmente, o Racing non xogou mal. Desde logo, non tan mal como din os resultados.

 

Polo que for, a planificación non foi acertada –non se pode atinar sempre, está claro– nin ao comezo nin no inverno. Teño a impresión de que se esperou de máis por determinados xogadores e logo os amaños non foron posibles ou non callaron. Con todo, hai algunhas historias que non son, en absoluto, comprensibles. A un xogador como Manu Vallejo –con ampla experiencia na máxima categoría– non se lle pode olvidar xogar ao fútbol dun día para outro. E apenas desfrutou de minutos. Que pasou aí? Outro tanto diría da marcha de Bebé. Como se entende? A súa participación no Ibiza –adestrado por Paco Jémez, que non é pouca cousa– dá a entender que estaba para xogar. Xa que logo? En fin, se cadra algún día chegaremos a saber algo, aínda que de nada vaia servir.Tamén me chamou moito a atención a marcha de Cristóbal Parralo, para min un excelente adestrador. Sabido é que de onde non hai non se pode sacar, pero os treinadores adoitan caer. A chegada de Menéndez, como se ve, non resolveu absolutamente nada. O consabido ar fresco, que se di dos cambios, non pasou da vitoria en Valencia contra o Levante.

 

Como auga pasada non move muíño, aquí o deixo, co fervente desexo de que o próximo curso se acerte coa planificación e poida producirse un novo ascenso. Sexa como for, penso estar aí. Forza Racing.

 

 

A animarse toca

Te puede interesar