Ancho é o mundo

Sexa como for a historia real do conto, entendo que as multicitadas palabras “Só sei que non sei nada”, que, na súa Apoloxía de Sócrates, Platón puxo nos labios do seu mestre, encerran unha grande verdade. Pois, en realidade, é moi pouco o que sabemos, aínda que esa propia ignorancia nos leve a crer outra cousa. Nisto matinaba o pasado luns no Ágora coruñés, cando alí fun para asistir, máis unha vez, ao recital poético mensual Poetas Di(n)versos, que vén organizando desde 2009 Yolanda Castaño, benquerida amiga de anos, como actividade da Concellería de Cultura do Concello da Coruña. Para que non coñeza estes ciclos poéticos, cada mes participan dúas ou dous creadores: un ou unha galega e outra ou outro dun diferente territorio lingüístico. Xa pasaron xentes para dicir os seus versos procedentes de Xapón, Cuba, Portugal, Canadá, Siria, Brasil, Exipto... Desta volta foi o turno da nosa paisana ferrolterrá, de Valdoviño, Verónica Martínez Delgado, e da india Mamta Sagar. Para a miña sorpresa, esta poeta, nada en Bangalore, capital do estado de Karnataka, a terceira cidade máis poboada da India, de-senvolve a súa vida toda en canarés o kannaḍa, un dos 22 idiomas oficiais da República, que utilizan uns 44 millóns de persoas. Isto é, practicamente a poboación española e bastante superior á poboación da inmensa maioría dos estados que conforman a Unión Europea. E nós -cando menos eu- sen enterarnos. Pois alí estiven, encantado da vida, escoitando versos en canarés na voz de Mamta Sadar, acompañados da versión galega ofrecida pola poeta Lorena Souto. Pechou a súa intervención coa lectura do poema “Amuleto”, acompañada dunha peformance. Como ben explicou Lorena Souto, o amuleto está asociado a un ritual da India no que dentro de obxectos se introducen pós do pigmento vermellón, que se lle poñen ás crianzas para protexelas. Mais, os amuletos de Mamta Sagar non conteñen nin pigmento nin graza de deus ningún, senón versos. Conteñen metáforas poéticas e ese é o seu efecto protector. Merqueille un a Antón, meu neto de cinco meses, que contén un fermoso texto poético en canarés que en galego vén sendo “Folla de vida” ou “Folla viva”. “Live leaf”, en inglés, que é como mo fixo saber a autora. Como do poema “Amuleto” non nos deu versión galega Lorena Souto, boto man do titulado “A un río” como mostra da poesía e do idioma escoitados no Ágora:


“Dentro do río están o ceo, as nubes, o sol. / O río na cunca das miñas mans. // Se alzo as mans / o río derrámase esparexendo / o ceo, as nubes, o sol por min // Se bebo o río das miñas mans, / daquela están dentro de min / o sol, as nubes, o ceo // Dime entón, quen está dentro de quen?”.

 

Ancho é o mundo

Te puede interesar