A amnesia do expresidente

A derradeira mostra da errática traxectoria de Felipe González, que amosa cando se lle ofrece  oportunidade, son as súas manifestacións respecto do que a cidadanía comeza a saber, agás el:  as tremendas troulas que o entón rei de España Juan Carlos I se traía  coa vedete Bárbara Rey. Hoxe sabemos, Felipe González polo visto non, que tapar as esmorgas á opinión pública do rei “campechano”  custou ao erario español arredor de seiscentos millóns dos fondos reservados dos que precisamente o expresidente era responsable. Felipe González di que “ ná de ná”  e a pregunta dunha xornalista sobre estes feitos respondeu: “ yo no tengo puta idea de lo que me habláis y ahora que sé de que van esas grabaciones,  menos interés  tengo en escucharlas”. Seguro que as escoitou pero mellor é correr un tupido velo. Ai que ver.


Todo isto resulta preocupante  tendo en conta que unha malversación de fondos así, destinada a tapar irregularidades do xefe do Estado é merecente dunha investigación a fondo para que a cidadanía saiba o que en boa lóxica debería saber. Porque nesas gravacións que saíron arestora á luz, os protagonistas, o rei concretamente, fala do ben que se portou Armada ao estar calado e do mal que outros se portan por andaren falando máis da conta. Ouvido isto un saca a colación que o rei non parou precisamente aquel golpe de estado do 23 de febreiro senón que foi suxeito activo e responsable, ou cando menos sabía o que se cocía entre bastidores, dito así en roman paladino. Algúns creron, entre eles Felipe González, que tapando isto se salvaba España, que  se afundía sen a Monarquía, cousa que baixo o meu modesto punto de vista non era certo: España podería sobrevivir sen esa anacrónica institución, seguro.


Todos os papeis reservados onde figuran  estas historias reflectidas deixarán de selo cando nós xa non esteamos,  e aquí haxa paz e alá gloria. En resumo: un pobo definido como soberano na nosa Constitución non ten dereito a saber os desfases e desmáns provocados polo irresponsábel comportamento do Xefe do Estado convertido en Rei por obra e gracia do ditador? Por pura praxe democrática deberamos sermos conscientes do que monárquica e politicamente acontece ao noso derredor.


Yo me la llevé al río creyendo que era mozuela... dicía García Lorca na “Casada infiel” do seu “Romancero Gitano”. E eu votei a González crendo que era socialista...e foi el quen nos levou ao río naquel tempo de ilusións e esperanzas,  pero vendo como andan as cousas non parece que haxa auga suficiente nel para lavar certas manchas na nosa aínda feble democracia.

A amnesia do expresidente

Te puede interesar