Alejandro González Pascual (1930-1993)

De acontecemento extraordinario hai que calificar a mostra “Alejandro González Pascual ( i930-1993)” do Museo de Belas Artes, na que se recolle toda a traxectoria plástica do gran pintor coruñés, o cal participara das inquedanzas renovadoras daquel irrepetible grupo de intelectuais e artistas, como Lugrís, Labra, A.Tenreiro, A. Abelenda, Cebreiro, M. García Patiño, Gonzales Garcés...,que, na década do 50, participaron na revista Atlántida. Deses anos iniciais son dúas obras abstractas, o bodegón “Froitas”; debuxos a tinta como “Pavos” e “Vendedor de aves”; e retratos que destacan polo seu singular expresionismo, como o seu o “Autorretrato” e, sobre todo, o retrato de “Blanca”, sobria i hierática figura, en tons escuros, onde xa deixa patente a súa tendencia a fuxir do anecdótico para ir ás fonduras psicolóxicas.

Tamén o óleo “Mergulladores”, de escuras e espesas augas negro-azuladas, dixérase un símbolo da condición humana atrapada. De 1960 a 1973 será a época dos “montes”: Lamas, Ermida de Santa Lucía, Iglesiafeita, Moeche, Silvao..., nos que con pincelada solta e predominio de tons terra sombra da unha visión de soedade e de inmensidade cósmica e faise dono dun estilo persoal, no que, ben lonxe do bucolismo, prima o sentimento poético de misterio e a chamada telúrica, que atinxe por medio do craroscuro, o trazo solto e as formas curvas. Con “Luaces” (1974) inaugura a serie de bosques, árbores, troncos e raíces, quizais a máis persoal e novedosa, na que xoga cunha maravillosa sinfonía de grises contra fondos escuros e na que as árbores e sobre todo os toros cortados poden verse como prosopoeias de aspectos humanos, xa que os seus poderosos volumes e acariciantes epidermes parecen ter algo ou moito de humano e, cando os deita sobre unha tarima a maneira de oferente ara, dixérase que lles está a ofrecer un ritual de morte, unha sentida homenaxe. Con ser o animismo unha das marcas do noso ser, quizais él o pintor galego que expresa de xeito máis singular o que Levi Strauss. chamou participación mística. Dende 1977 e ata a súa morte o pathos da natureza atopa acougo e a súa pintura vóltase máis sutil e contemplativa. é a etapa dos interiores do seu estudo e naturezas mortas, na que camiña cara un ensimismamento e progresiva interiorización que, dalgún xeito, xa se anunciaba na quietude dos seus troncos.

A poética do silencio –como eu dixen nun artículo de 1978– atinxe o punto álxido e os obxectos humildes: louzas, telas, copas, mazáns, libros... son pintados como si estivesen a punto de se transverberar, de levitar, de voltarse inmateriais; todo aparece envolto nunha calma extática, casi sobrenatural, que transmite con pincelada acariciante e certo desdebuxamento que leva á quietude contemplativa. A miúdo, combinando interior e bodegón, abre fírgoas a ocultos espazos i é como si anceiase atopar novas dimensións e sentise a chamada dun alén Neste viaxe dende as apariencias ao misterio, dende a sombra á luz, cuimina a obra dun dos nosos máis notables pintores.

Alejandro González Pascual (1930-1993)

Te puede interesar