Afastando o foco do social

Ninguén ten a esta altura seguridade absoluta de como a guerra na Ucraína pode rematar, especialmente cando o conflito alentase dende moitos países e medios de comunicación, que ven as mortes e a destrución desde o palco. A escusa de que se trata de facer respectar a soberanía carece da mínima argumentación. Máxime cando se interviu para dividir Serbia e crear Kosovo, e os Estados Unidos mantén ocupada parte de Siria con varias bases, e nega retirarse de Iraq malia que llo pide o governo e parlamento daquel país. Desde a caída da Unión Soviética, as regras de xogo acordadas na Segunda Guerra Mundial, son interpretadas en exclusiva polos Estados Unidos a potencia hexemónica.
 

Na Ucraína confróntanse tamén proxectos estratéxicos respecto do reparto da riqueza e do poder, xa que non é o mesmo un mundo unilateral que multilateral. Agora ben, cada vez son máis evidentes os intereses dos governos, cando menos os “occidentais” e aliados, para aproveitar a conxuntura e realizar reformas estruturais externas e internas de moita profundidade, que afectan negativamente ás condicións de vida das maiorías sociais. O obxectivo é salvar a un capitalismo cada vez máis concentrado e agresivo, que estraga a natureza e esgota os recursos. 
 

A guerra, as sancións, unha visión en branco e negro do mundo, e  teimar en que a única saída é a derrota do inimigo, non casualmente vai acompañada dun marco económico que aumenta da desigualdade social e a precariedade. E isto é resultado non só da inflación (que atinxe fortemente ás familias con menos ingresos xa que é máis alta nos bens e servizos básicos), senón tamén por tomar medidas regresivas para o futuro no social; que se comezan a sementar nesta conxuntura aproveitando a guerra para deixar nun segundo plano debates esenciais. Medidas como: a reforma das pensións en varios estados; o aumento do gasto militar desviando fondos necesarios para a transformación económica evitando a caída do PIB e o emprego... 
 

Un apunte máis. É positivo que os presidentes de Galiza, Asturias e Castela León, por fin, recoñezan que hai unha dobre vara de medir co noroeste (que responde á unha estratexia que sustenta o trato desigual). Vale, se non queda só nunha declaración e cinguida ao tema de infraestruturas e investimento,... este trato tamén se dá no plano cultural e lingüístico na Galiza. Ademais, no noso caso, todo isto ven de hai séculos, non comezou co centralismo madrileño, o ingreso na UE e a globalización neoliberal, aínda que esta andaina fortaleceu a tendencia negativa.

Afastando o foco do social

Te puede interesar