Si, cando remata agosto e coma se fuxira o verán malia que aínda quede parte de setembro que non ven ser máis que un mes de transición. O caso é que volvemos aos nosos habituais quefaceres e todo pasa a ocupar o lugar que lle corresponde cando deixamos o escenario do estío onde fixemos unha representación cun fútil argumento cheo de troula e balbordo consubstancial a esta estación, onde os problemas quedan debaixo da alfombra, aletargados aí baixo o manto do verán.
Co verán vanse tamén os turistas moitos dos cales achegáronse a nós fuxindo das calores tórridas dos seus lugares de procedencia, calores deste verán atípico onde as temperaturas chegaron a marcar cifras propias do deserto. Pode que nos esteamos achegando a iso.
A chegada de foráneos é coma unha pacífica invasión na procura dun territorio que máis tarde deixarán tamén pacificamente logo de desfrutaren da bonanza climatolóxica e gastronómica deste paraíso onde témola sorte de vivir.
Din os especialistas nestas cousas que as vagas da calor chegaron para quedarse e que nos vaiamos acostumando a lidar con elas de aquí en adiante, que o cambio climático é unha realidade incuestionable, unha resposta da Natureza ás agresións á que está sometida polos seres humano que aínda non entendemos que non somos o embigo do mundo, os donos absolutos, e que estamos pagando un prezo moi alto por acadaren certas metas sustentadas nun sistema a todas luces pernicioso.
Pero de todo isto esquecémonos no verán, que para iso está. Certo é que outrora pasamos por intres de extrema dificultade como unha pandemia que non cesa, e por se isto fose pouco agora por unha guerra que pode trocar a orde mundial e xa que logo o noso “modus vivendi” e á que achacamos en parte moitos dos latrocinios abafantes da man dos oligopolios sempre dispostos a sacaren partido destas desgrazas. Con todo este equipaxe sobre as nosas costas é lóxico pensar que necesitabamos algunha válvula de escape, un antídoto que mitigue un tanto as nosas cuítas: o verán.
Vaise o verán , remata a festa e o outono chama á porta. Seguiremos cos problemas, seguro, continuarán os abusos sobre a cidadanía que os políticos non saberán como frear, seguirán botando a culpa a outros mentres os ricos serán máis ricos e os probes máis probes: é o de sempre, a lei do poderoso cabaleiro.
Pero chegará o outono e os meus netos cantarán na escola aquilo de: “ Outono chegou, marrón e amarelo/ outono chegou e follas secas nos deixou/. Con iso quédome.