Abrindo horizontes

A elección dunha muller como presidenta do máximo órgano de poder xudicial, por primeira vez na súa historia, representa un avance significativo cara á igualdade real na esfera pública. Non é simplemente unha cuestión de recoñecer o talento e o mérito individual, senón de cuestionar unha dinámica de poder que durante séculos estivo monopolizada polos homes, ao tempo que se valoraba de menos, de maneira máis ou menos explícita, a achega das mulleres.


Durante moito tempo, a fórmula do mérito foi utilizada como xustificación para manter unha estrutura na que só os homes accedían aos postos máis altos. Pero, como se explica que cando máis da metade do colectivo xudicial está conformado por mulleres, non fose ata agora que unha delas alcanzara este posto? A resposta está nas inxustizas sutilmente integradas no tecido institucional, onde o feito de ser home foi historicamente unha “cota” invisible e aceptada. Cando é un home o que ascende, a súa condición de xénero non se cuestiona; asume que é produto dun mérito natural e innegable. Pola contra, cando unha muller o fai, aparecen as dúbidas sobre se chegou a esa posición pola súa condición de xénero. A sociedade de hoxe en día reclama igualdade real.


O ascenso ao poder sempre estivo vinculado a certas cotas, xa sexan cotas de relacións persoais, de afinidades ideolóxicas ou de lealdades políticas. Pero entre todas elas, destaca a cota de xénero masculino, que se mantivo inamovible durante séculos, sendo practicamente invisible ata hai relativamente pouco tempo. Agora que as mulleres comezan a ocupar estes espazos, o discurso cambia: as cotas vólvense sospeitosas, coma se o único motivo para promocionar unha muller fose o seu xénero e non os seus méritos. Falaz discurso que vai contra dos tempos deste século XXI.


A verdadeira anomalía non é que as mulleres comecen a ocupar postos de poder, senón que non o fixeran moito antes de agora. Non se trata de que falte talento ou preparación; o problema é que moitas delas foron sistematicamente excluídas ou relegadas, malia estaren cualificadas de sobra. É aquí onde se debe poñer o foco: porqué, se as mulleres representan unha parte moi significativa do colectivo, non se reflectía esa realidade nas posicións de máis responsabilidade?


A chegada dunha muller á presidencia dun órgano de tanto peso institucional é un reflexo da necesidade de avanzar cara a un equilibrio real. Non é unha concesión nin un favor, senón un recoñecemento a unha realidade que xa existe nas bases: as mulleres forman a maior parte do colectivo xudicial. É hora de que esa presenza se vexa reflectida en todos os niveis de poder, rompendo así coa falsa idea de que o poder e a autoridade teñen xénero. Abrir horizontes ao futuro.

Abrindo horizontes

Te puede interesar