Esta semana cumpríronse dúas décadas exactas dun feito histórico, inédito e tamén, visto desde hoxe, case anecdótico. Porque hai vinte anos, cousa nunca vista antes nin despois, a esquerda conseguíu sumar maioría nunhas eleccións autonómicas, o que se traduciu nun goberno bipartito (PSOE-BNG) que só durou unha lexislatura. Así de parco é o reconto de 44 anos de urnas en autogoberno para os que somos progresistas.
En ningunha outra comunidade do Estado ocorre o que en Galicia, único territorio no que nunca unha formación de esquerdas conseguíu ser primeira forza. Iso fala ben da capacidade da dereita autonómica, pero como tal cousa xa ten cantores abondo, permítanme centrarme nos, en teoría, meus.
Moitos dos que, dun xeito ou outro, andamos en política desde posicións progresistas, e actuamos en ámbitos onde a esquerda manexa longa tradición de vitorias, temos bastantes dificultades para aceptar o espírito ‘loser’ que caracteriza a nosa versión autonómica. En especial pola súa total carencia de autocrítica. Os responsables intelectuais de tamaña desfeita nas urnas, de máis de catro décadas, seguen convencidos de que son a cousa máis lista e preclara do mundo, como non paran de proclamar desde os seus púlpitos, onde a superioridade moral é vigorosa, tanto como a incapacidade para entender o contexto que condena a un país plural a ser un monocultivo da dereita.
En realidade, o problema é que nos círculos desa esquerda apenas hai progresistas. Porque non hai cousa máis conservadora que a petrificación ideolóxica. E –ben que o lamento– eses sectores teiman en ideas arcaicas, como a que sinala ao noso país urbano e competente como unha especie de terriña rural intocable, onde seguimos dependendo dos bos labregos, e no que calquera innovación fabril é vista como unha terrible aldraxe contra a nosa identidade. Para dicirse de esquerdas soa moi carlista, a verdade.
Así, os constantes derrotados autonómicos non cambian unha coma da súa concepción de Galicia, montañesa e centralista, na que os dous grandes motores de progreso, A Coruña e Vigo, seguen a causar desconfianza, ao contrario do que ocorre con Compostela, convertida en mundillo de egos inoperantes. Ou directamente obstáculo para a prosperidade, como está sendo ben visible coa súa oposición á lóxica demanda de crear un grao de Medicina na Coruña.
44 anos de derrotas, pero aí seguen os nosos escritores, anunciando parvadas como, por exemplo, que a Unión Europea vai permitir o envelenamento masivo do río Ulla. Porque a ausencia dun soporte cultural digno é un dos factores que explican o desastre da esquerda autonómica. A confusión entre política e antropoloxía é total nese ámbito, ao igual que a aposta por unha poética inútil e a tendencia ao retrovisor cargante, que pretende convencer a rapaces de 22 anos mediante as palabras de señores de hai un século.
Ante tal panorama electoral o obvio sería unha revisión clara de postulados para mudar o destino. Pero nada. As burbullas non admiten axitacións que as rebenten. E así segue sen emendarse o marco romanticista que alimenta a derrota eterna desta esquerda. Iso en autonómicas, que na Galicia puxante, como as dúas grandes cidades, si que sabemos gañar. Aí hai un exemplo a seguir.