Non hai xeito de entender a Galicia contemporánea sen Castelao, sen o seu pensamento e a síntese que logrou entre tradición e modernidade, entre compromiso e liberdade. Evocar a Castelao é falar dun dos alicerces da nosa identidade, pois foi, e segue a ser, a conciencia crítica de nós, o ollo atento que soubo retratar as feridas e as esperanzas dun pobo secularmente marxinado.
A súa verba, sempre lúcida, e o seu trazo, certeiro e fondamente humano, acadaron unha universalidade que é espello do que somos. Castelao foi, a non dubidalo, a voz que nos chama a sermos sen medo, a contemplar o mundo dende a nosa terra coa dignidade de quen sabe que a cultura é o mellor camiño cara ao futuro.
Consciente de todo isto, o xornalista e escritor Paco López-Barxas publica Castelao entre Nós 75 anos despois, un volume que é unha homenaxe por tan significada efeméride pero tamén, ao tempo, unha crónica comunal do que a figura de Castelao representou e representa para a terra galega.
O libro ten non só un feitío singular (estoxado con gardas nas que vai impreso o mapa de Fontán, cinta de lectura coas cores da nosa bandeira e fabulosas ilustracións de Isabel Pintado), senón tamén unha concepción e arquitectura que o fan único entre os textos de achegamento ao inmenso rianxeiro.
Ábrese a obra cunha biografía de Castelao que é unha recreación fidedigna da súa andaina contada en primeira persoa. Mercé a este recurso literario, é o propio Castelao quen nos relata as súas vivencias, mais non de calquera xeito, senón empregando para iso frases e sentenzas que, realmente, el proferiu en obras súas, en entrevistas e mitins e noutros rexistros nos que ficou conservado o seu parecer sobre o vivido.
Este contar a través da súa ollada esténdese tamén ao segundo capítulo, no que volve ser Castelao, pola voz ventrílocua de López-Barxas, quen dá razón da importancia e transcendencia da Xeración Nós, á que el mesmo pertenceu a canda os Risco, Otero Pedrayo e Losada Diéguez.
Mais se estes dous bloques iniciais resultan con certeza insólitos polo seu enfoque, non o son menos os restantes. En “Arredor do que din” escólmanse as opinións que deitaron sobre Castelao corenta voces senlleiras da cultura galega dos séculos XX e XXI, dende Antón Vilar Ponte a Miguel Anxo Seixas Seoane, pasando por Ramón Suárez Picallo, Valentín Paz Andrade, Ánxel Fole, Antón Fraguas, Xosé Filgueira Valverde, Domingo García-Sabell, Ricardo Carballo Calero, Álvaro Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego, Celestino Fernández de la Vega, Ramón Piñeiro, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Xesús Alonso Montero, Uxío Novoneyra, Basilio Losada, Carlos Casares, Xosé Luís Méndez Ferrín, Andrés Torres Queiruga ou César Antonio Molina, entre outros.
Non menor interese posúe a antoloxía poética de textos que gabaron ao de Rianxo, na que se inclúen composicións de clásicos como, poño por caso, Ramón Cabanillas, Teixeira de Pascoaes, Luz Pozo Garza, José Agustín Goytisolo, Xohana Torres, Salvador García-Bodaño, Xosé Luís Franco Grande, Arcadio López Casanova, Darío Xohán Cabana ou Fiz Vergara Vilariño e, xunto a elas, achegas inéditas para este libro de Xulio Valcárcel, Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer.
Esta proposta de Paco López-Barxas péchase cuns acaídos apéndices de textos citados en “Escolma bibliográfica” e de referencias para ampliación en “Para saber máis de min” e “Para saber máis de Nós”, que redondean un volume orixinal e valioso, polo seu deseño e execución, pola súa ideación e polo legado que atesoura, confirmando felizmente ata que punto segue Castelao entre Nós 75 anos despois.