O miradoiro de Ancos será este domingo o escenario do espectáculo “Costa da Morte, cartografía dun naufraxio”, unha peza coproducida polo Centro Dramático Galego e Mariña Lestón, que tamén é a encargada do texto e da interpretación. Para darlle outra dimensión á proposta, o Concello de Neda organiza un roteiro nocturno con destino a este espazo emblemático da comarca, para o que é preciso inscribirse.
A saída está prevista para as 21.30 horas do albergue de peregrinos local e o traxecto realizarase, tanto de ida como de volta, por asfalto, seguindo a estrada que vai dende Casadelos. A organización advirte de que os participantes nesta actividade, que está aberta tanto a maiores como a pequenos acompañados dun adulto, deberán levar unha lanterna para o camiño de volta e roupa de abrigo.
Unha vez completado o ascenso, ás 22.30 horas no miradoiro, tanto os camiñantes da andaina como os que prefiran asistir directamente ao final, emprenderán unha “viaxe pola historia do noso mar, a través de relatos reais de cantigas populares interpretadas en directo”.
Así pois, no espectáculo interveñen historias dos naufraxios acontecidos na Costa da Morte, que é a cuna de Mariña Lestón, e das persoas que perderon a vida nos mesmos, así como sobre a xente que quedou en terra. Os interesados en apuntarse poden facelo na biblioteca, presencialmente ou chamando ao 981 390 233, en horario matinal.