O programa dirixido ao público infantil do Concello de Neda, “Miúdo verán. Cultura en familia”, continúa mañá mércores co espectáculo teatral “Máis saaabor”. A cita terá lugar ao aire libre, coma todas as que inclúe o ciclo, neste caso o parque do Principiño, ás 20.00 horas.
Avelino González dirixe esta proposta, coproducida por Culturactiva Sociedade Cooperativa e Félix Rodríguez. Este último tamén é un dos chefs que sairán a escena, xunto a Fran Rei, viaxando na súa particular food truck.
Trátase dunha función que mestura música en directo, xogos de maxia e humor, na que un dos ingredientes principais e imprescindíbeis é a participación do público. Así pois, o dúo protagonista encargarase de guiar unha visita cómica ao mundo dos fogóns, co obxectivo de promover o achegamento do público infantil á cociña, a alimentación saudable e a predilección polos produtos de proximidade.
Este espectáculo inclúese no programa Cultura no Camiño, que a Agadic propón para contribuír á dinamización cultural nas localidades polas que atravesan as distintas rutas xacobeas, como é o caso do concello de Neda, nos meses con maior afluencia de peregrinos e outros visitantes.