O extenso programa de actividades de verán do Concello de Mugardos continúa con dúas xornadas consecutivas nas que será protagonista a compañía teatral Gallaecia e o público infantil ao que se dirixe. Este mesmo martes, o escenario será o Campo do Río, no Seixo, e mañá mércores San Vitorio, en Franza, en ambos casos ás 20.30 horas.
A primeira proposta que se levará a escena é “Os rizos de Lía”, un contacontos con música en directo no que a contadora aventureira Tulis guiará un percorrido pola historia da protagonista que pon nome á peza. Por medio deste espectáculo, o público infantil achegarase a valores como a amizade, a autoestima, o respecto pola identidade ou a importancia de confiar nunha mesma.
Por outra banda, a seguinte actuación, titulada “As aventuras de Jazzy e Blusy”, consistirá nun concerto infantil que trata de transmitir aos nenos e nenas a historia do jazz e o blues a través dun gato e un can. Neste caso, a proposta caracterízase por precisar da participación dos pequenos, cos que se formará unha orquestra durante o espectáculo e realizarase un pasarrúas como despedida.