O programa dos “Domingos Culturais” que propón concertos no interior do mosteiro de Monfero celebra unha edición máis neste mes de agosto. A primeira actuación, que terá lugar este mesmo domingo, correrá a cargo do guitarrista e cantante Xoán Curiel, que presentará temas do seu repertorio nun formato íntimo, acompañado da voz de Iris Gey e o clarinete de Bea López. Todas estas sesións desenvólvense polas tardes, ás 18.30 horas, mentres que pola mañá o templo acolle aos participantes das visitas guiadas.
“Xoán Curiel ao vivo” é o nome do primeiro espectáculo musical que se exhibirá neste particular escenario cargado de historia. O domingo 17 desenvolverase o segundo, a cargo doutro guitarrista e vocalista como é Valentín Caamaño. Este artista presentará o cuarto disco, “All the Gods”, co seu cuarteto ao completo ampliado cun trío de renome dentro do panorama jazzístico nacional: Xosé Miguélez, ao saxo tenor; Alfonso Calvo, no contrabaixo, e Miguel Cabana, coa batería.
O seguinte encontro, o domingo 24, terá como protagonista ao dúo EnClave, integrado polo vibrafonista Miguel Castro e o guitarrista Mateo Arnáiz. Estes interpretarán tangos orixinais, compostos por eles mesmos, así como outros clásicos de autores como Gardel ou Piazzolla.
Para rematar co ciclo deste mes, o domingo 31 resoará no mosteiro, a catro voces, a Coral Santo Ángel, nacida no 2013 na Coruña. A agrupación adoita cantar habaneras, temas populares de distintas épocas e cantigas tradicionais, destacando algúns como “Los sonidos del silencio”, “El rey León”, “A rianxeira” o “O meu amor é mariñeiro”.
Un dos cenobios cistercienses máis destacados de Galicia abre as súas portas todos os sábados e domingos de agosto, salvo os días 3, 30 e 31, para dar a coñecer a súa historia. As visitas guiadas, que propón o Concello co apoio da Deputación, se realizan ás 11.30 e recorren o interior da igrexa e o redor do mosteiro.