De Ninghures, Tanxugueiras e Vimbio na noite grande do Festival Irmandiño

Xa está a piques de chegar a XLVI edición, que innova co deporte e aínda ten aberto o prazo para montar postos
De Ninghures, Tanxugueiras e Vimbio na noite grande do Festival Irmandiño
Imaxe dunha das actuacións desenvolvidas en anteriores edicións | CEDIDA

A asociación cultural Irmandiños de Moeche xan ten publicado o cartel do festival que dende 1980 recrea o asalto ao castelo, lembrando as históricas revoltas sociais contra os abusos da nobreza. Entre o venres 22 e o domingo 24 de agosto, o campo de Melle volverá acoller unha edición máis, e con esta van 46, que comezará coa tradicional foliada libre, a partir das 21.30 horas.


Despois da inauguración, que coma sempre realízase por conta do pobo e coa colaboración dalgúns grupos da zona, anímase a participar a todo o que teña un instrumento, voz ou simplemente ganas de troula, antes da gran noite do Festival Irmandiño.


O sábado 23, dende Cangas do Morrazo chegará o cuarteto Mediarea, coa súa interpretación contemporánea da música tradicional galega, integrado por Gael Pérez, á gaita; Luís Malvido, no bombo; Zé Pumar, ao aordeón, e Rodri Martínez, coa percusión.


Tamén subirá ao escenario De Ninghures, a agrupación gañadora dos premios Martín Códax da Música deste ano na categoría Folk. Os seus concertos caracterízanse por constituír toda unha “Feira” en si mesmos, o nome do seu último traballo, que inclúe temas para non parar quieto como o que pon nome ao disco.


Outro prato forte son as Tanxugueiras, o trío que se presentou ao Benidorm Fest para participar en Eurovisión pero moito antes xa actuara no Irmandiño. Estas referentes da fusión tradicional veñen cumprir coa promesa que asinaran nun pano de papel hai anos á organización.


Por outro lado, Vimbio achegará a súa xenuína proposta, que se define como unha mestura entre o metal e o rap, na que se pode recoñecer a pegada de Álex Arnoso, integrante de SonDaRúa. Quen aínda non escoitara este proxecto, dispón dunha “fresquísima” mostra representativa titulada “Troula”, na que participa Nadie González, outra das voces finalistas dos Martín Códax.

 

Este ano, o Club Deportivo 21 Leguas colabora co festival para organizar o Trail dos Irmandiños, que terá lugar o último día, propoñendo un percorrido de 17 quilómetros que parten do castelo. A cita require previa inscrición, dentro do prazo que remata este domingo, a través da web 321go.es. Despois do trail e a comida campestre, a partir das 16.30 horas, Paracetafolk e Lina e Lola encargaranse de despedir o festival.

 

O chamamento aos vendedores remata na noite deste luns

As persoas interesadas en montar un posto de venda no encontro Irmandiño deste ano poderán facelo, sempre que non se ofreza comida ou bebida, e se teña realizado a inscrición previa a través dun formulario en liña, ao que se pode acceder mediante un enlace recollido nuha publicación das redes sociais do festival. O prazo para apuntarse permanecerá aberto até o luns 4 de agosto as 23:59 horas.

De Ninghures, Tanxugueiras e Vimbio na noite grande do Festival Irmandiño

Te puede interesar