Castelao protagoniza unha mostra e un espectáculo en Moeche

O Concello acaba de dedicar o nome da biblioteca ao escritor rianxeiro no seu 75 cabodano
Castelao protagoniza unha mostra e un espectáculo en Moeche
Parte da exposición que se inaugurou onte no castelo | CONCELLO

O último pleno ordinario do Concello de Moeche xa advertiu o compromiso do goberno municipal coa celebración do Ano Castelao, que se conmemora a nivel autonómico, con motivo do 75 cabodano do escritor e pensador galeguista de Rianxo. Entre o programa, destaca a aprobación da dedicación da biblioteca munipal a esta figura e completar os fondos até dispoñer da obra completa do autor, así como a apertura dunha exposición.


A mostra, que foi cedida polo Concello de Cedeira, inaugurouse onte no castelo de Moeche, baixo o título de “Castelao. 75º Cabodano”. Esta proposta componse de 16 paneis explicativos sobre a traxectoria artística, literaria, vital e política do homenaxeado, incluíndo unha colección de 75 libros coas súas obras ou con outras arredor do protagonista.


Esta exposición permanecerá aberta até o domingo 3 de agosto no horario de apertura do castelo: mércores, xoves e venres de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.00; mentres que o sábado, domingo e festivos será de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas.

 

Actuación

“Castelao, un corazón á intemperie” é a peza de narración oral, monicreques, música tradicional e teatro de máscaras que se exhibirá, para o público infantil e familiar, o xoves 1 de agosto no polideportivo municipal, ás 12.00. Esta nova produción de Fantoches Baj, que ofrece a área de Lingua da Deputación con entrada libre, trata de dar a coñecer a Castelao aos nenos e nenas, así como valorizar o galego. 

Castelao protagoniza unha mostra e un espectáculo en Moeche

Te puede interesar