A Xunta de Galicia iniciará un proceso de diálogo co Goberno central para garantir que o novo sistema de xestión procesual que vai implantar o Ministerio de Xustiza esta dispoñible tamén en lingua galega. Así llo informou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, aos representantes da Irmandade Xurídica, cos que se reuniu para trasladarlle a súa preocupación sobre que o Goberno central habilite só en castelán a plataforma Atenea, que substitúe á anterior, Minerva.
Neste senso, o conselleiro afirmou que “pese a falta de compromiso do Goberno central”, a Xunta manterá “o seu total apoio para que o galego estea presente nas aplicacións tecnolóxicas que se utilizan na Administración”. Tal e como explicou, a intención do Ministerio de Xustiza é asinar un convenio para ceder o sistema procesual á Xunta de Galicia só en castelán e que sexa o Goberno autonómico o que asuma a implantación da lingua galega no programa. “Trátase dun traballo técnico complexo que precisa de tempo e investimento para poder levalo a cabo e os tempos que se manexan desde o Ministerio dificultan que esa conversión ao galego poida estar resolta para o ano 2026, data prevista para a súa posta en marcha”, apuntou.
Deste xeito, durante a xuntanza, López Campos trasladou que se iniciará un proceso de diálogo cos representantes do Ministerio de Xustiza, xa que a mellor opción técnica para que os procedementos da xustiza respecten a cooficialidade lingüística é que sexa o propio Executivo central, como impulsor da plataforma, o que se comprometa a habilitar todos os idiomas respectando e favorecendo así o uso da lingua galega.
Neste contexto, o responsable de Lingua do Goberno autonómico lembrou que ao abeiro do Pacto pola Lingua xa están funcionando outro tipo de iniciativas para fomentar e prestixiar o uso do idioma na xustiza. Así, a finais do pasado ano, López Campos asinou un convenio co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, a través do cal se puxeron en marcha cursos de formación específica en lingua e cultura galegas para persoal deste sector profesional, que se sumaron así a outros enfocados noutros ámbitos da Administración ou no eido sanitario.