A UDC e a Real Academia Galega de Belas Artes colaborarán nos ámbitos da docencia, a investigación e a cultura

Con este acordo, ambas as dúas institucións reafirman o seu compromiso de establecer vínculos estables de cooperación académica e cultural
A UDC e a Real Academia Galega de Belas Artes colaborarán nos ámbitos da docencia, a investigación e a cultura

A Universidade da Coruña (UDC) e a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) veñen de formalizar un protocolo xeral de colaboración co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias e de persoal nos ámbitos da docencia, a investigación e a cultura. O acordo, con duración inicial de catro anos prorrogables por períodos equivalentes, formalizouse oficialmente na Reitoría da UDC, nun acto que contou coa presenza do reitor Ricardo Cao Abad e o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, como asinantes do documento.


Ao abeiro deste protocolo, ambas as institucións comprométense a cooperar en diversas liñas de actuación. Entre elas, facilitar o intercambio temporal de profesorado, persoal investigador e profesionais; promover a participación conxunta en proxectos de investigación e desenvolvemento, tanto bilaterais como multilaterais; colaborar en programas de formación de persoal técnico, investigador ou asistencial; prestarse asesoramento mutuo en materias propias da súa actividade; e intercambiar materiais docentes e de investigación, sempre que non existan impedimentos previos. Así mesmo, o acordo recolle a posibilidade de impulsar calquera outra iniciativa que resulte de interese mutuo.


A execución destas accións concretarase mediante convenios específicos que incluirán o plan de traballo, os recursos dispoñibles, as persoas participantes e o financiamento previsto. Para garantir o seguimento do protocolo e o cumprimento dos compromisos adquiridos, crearase unha comisión paritaria integrada por representantes da UDC e da RAGBA.


Con este acordo, ambas as dúas institucións reafirman o seu compromiso de establecer vínculos estables de cooperación académica e cultural.

A UDC e a Real Academia Galega de Belas Artes colaborarán nos ámbitos da docencia, a investigación e a cultura

Te puede interesar