O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor este venres na localidade pontevedresa de Sanxenxo o papel de Galicia como “referente nacional en calidade ambiental e turística”, no acto de izado de bandeiras azuis que distinguen aos areais e portos deportivos máis destacados do país.
“Non se me ocorre mellor maneira de empezar a tempada de máis afluencia que volvendo izar a bandeira azul”, subliñou Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.
Alí, o titular do Goberno galego lembrou que Sanxenxo mantén a súa posición á cabeza do conxunto estatal con 17 praias, tres portos deportivos e un centro azul, ademais de ser o concello que conta co maior número de carreiros azuis de toda España, cun total de oito roteiros.
Así mesmo, Rueda sinalou que as bandeiras azuis avalan “non só a beleza das praias galegas, senón tamén a súa limpeza, seguridade, accesibilidade, calidade das augas e o traballo en materia de educación ambiental”.
“Esta é unha marca de excelencia, desa Galicia Calidade que ofrecemos a todo o mundo que quere vir visitarnos”, celebrou o mandatario autonómico, que tamén destacou que son froito da colaboración de concellos, profesionais do sector, entidades colaboradoras e veciños.
Este verán, Galicia mantense entre as tres comunidades con máis distintivos azuis –tras a Comunidade Valenciana e Andalucía– con 137 galardóns que inclúen praias, portos e centros azuis, ademais de 54 carreiros azuis recoñecidos en marzo.
De feito, concentra unha de cada seis bandeiras azuis concedidas este ano aos areais españois. Para Rueda, estes datos confirman a Galicia como un referente en calidade de lecer marítimo e demostran “o respecto e o compromiso” coa conservación do litoral.