O lume de Chandrexa chega a 3.000 hectáreas e en Verín desactívase o nivel 2

En Ourense seguen activas as chamas en Vilardevós, Montederramo e Vilariño de Conso
O lume de Chandrexa chega a 3.000 hectáreas e en Verín desactívase o nivel 2
Un bombero forestal, nas tarefas de extinción do lume declarado en Maceda | Brais Lorenzo (Efe)

O incendio forestal do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, que segue sen control desde o pasado venres, queimou xa 3.000 hectáreas, segundo os datos facilitados pola Consellería do Medio Rural, que informou da desactivación do nivel 2 noutro lume na mesma provincia, no concello de Verín.

 

 Esa situación de alerta que comezou na parroquia de Mourazos, en Verín, decretouse pola súa proximidade ao núcleo de poboación de Tamagos, pero suprimiuse unha vez que se reduciu o risco para ese núcleo de poboación. 


Segue avanzando, pola súa banda, o lume máis grande deste verán en Galicia, o de Chandrexa de Queixa, que se iniciou na parroquia de Requeixo, no Macizo Central ourensán, e ameaza o Parque Natural de O Invernadoiro. En Ourense tamén está activo un incendio no municipio de Vilardevós, parroquia de Moialde, e outro no de Montederramo, na parroquia de Paredes, cada un deles cunha superficie afectada de 20 hectáreas.


Ademais, desde este pasado domingo pola tarde hai activo un incendio en Mormentelos, no municipio de Vilariño de Conso con 180 hectáreas afectadas. 


Está estabilizado en Ourense o de Maceda-Castro de Escuadro, con 400 hectáreas, e controlado o de Padrenda, con 40 hectáreas. Todos os lumes de Ourense calcinaron ata o momento unhas 3.700 hectáreas
 

Na Coruña mantense estabilizado o de Monfero-Queixeiro, que afecta o Parque Natural das Fragas do Eume e queimou cinco hectáreas de superficie. En Lugo controlouse o de A Fonsagrada-Monteseiro (150 hectáreas) desde este pasado domingo e en Pontevedra atópase estabilizado o de A Estrada-Souto, con 20 hectáreas afectadas. 


A Consellería do Medio Rural lembra que está ao dispor da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar se detectan algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria, é o 900 815 085.

 

Brigadista ferido


Neste contexto, un brigadista resultou ferido por queimaduras durante a extinción do incendio de Maceda na tarde do pasado domingo. Segundo Medio Rural, un bombeiro forestal sufriu queimaduras nunha perna e un glúteo “por radiación, non por contacto directo coa chama”. O traballador precisou ser evacuado a un centro médico. Onte atopábase xa na súa casa e evolucionaba ben.


Este lume está estabilizado desde as 23.37 horas do pasado domingo e levou a que veciños se marchasen das súas casas pola proximidade ao núcleo da Teixeira. As hectáreas calcinadas son 400. A Xunta apunta á “clara intencionalidade” por iniciarse en “entre cinco e seis puntos case simultáneos”. 

O lume de Chandrexa chega a 3.000 hectáreas e en Verín desactívase o nivel 2

Te puede interesar