lll

Recibe cada mañana las últimas noticias. REGISTRARME

Recibe las noticias desde Telegram. ÚNETE

Henrique Monteagudo: "O galego sae do franquismo ferido de gravidade”

Henrique Monteagudo, na presentación do libro esta mañá/EFE/Cabalar

O profesor universitario e académico da Real Academia Galega (RAG) Henrique Monteagudo expón no libro ‘O idioma galego baixo o franquismo’ que a herdanza desta etapa na lingua “é atroz”, pois “o galego sae do franquismo ferido de gravidade”.


A sede da RAG acolleu este mércores a presentación do volume nunha rolda de prensa na que participaron tamén o presidente da Academia, Víctor Fernández Freixanes; a secretaria, Margarita Ledo, e o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro.


Monteagudo, tamén vicesecretario e coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, salientou o papel das persoas que constituíron “unha resistencia” ao franquismo desde o punto de vista da lingua, que “se xogaron o tipo” e tiveron “a intelixencia” de dirixirse ao público para que o galego “non desfalleciera de todo”.


“O horizonte que había naquela xente era de resistencia, non podían ir máis aló. Cando o franquismo acaba esa xente déixanos un novo legado, o de normalización. Non está conseguido. Debemos empuxar cara a ese horizonte”, relatou.


Tamén explicou que había “unha acción represiva moi directa, policial, sobre as persoas que destacan”, pero tamén detallou que houbo unha represión “difusa” que alcanzou ao conxunto da poboación e tiña que ver coa mobilización do réxime a través dos aparellos ideolóxicos.


Precisamente, narrou a historia dun cura ao que lle mandaron poñerse un cilicio durante dous días “porque se lle escapou unha palabra en galego”.


O libro, detallou, pretende ser “unha testemuña dunha historia que é moi descoñecida”, pois “non hai tanto coñecemento do que significou o franquismo para a lingua”.


Respecto diso, aproveitou para criticar os “discursos negacionistas” de persoas que din que o galego non se perseguiu e que son “ofensivos” para as persoas que viviron esta etapa.


Trátase dun volume de 744 páxinas, editado por Galaxia, que o autor escribe como un relato, a partir dun minucioso traballo de documentación.


O autor profunda neste libro na historia social da lingua galega durante o período franquista, facendo unha análise con detalle da súa marxinación sistemática e a resistencia galeguista dirixida a construír un sistema cultural autónomo co idioma como elemento definidor.


Monteagudo avanzou que publicará no ano 2025 un novo libro sobre a situación do galego a partir de 1975.


Pola súa banda, Víctor F. Ferixanes enxalzou que a obra reflicte “a longa, lenta pero incansable recuperación da dignidade da lingua”, que moitas veces foi resultado de minorías “intelixentemente organizadas”. “Somos fillos daquela resistencia”, subliñou.


Mentres, o editor Francisco Castro denunciou o “ lengüicidio” do franquismo e augurou que este libro será “un antes e un despois” por ser un estudo “rigoroso” da historia, que ademais “se le moi rápido”.


Á súa vez, Margarita Ledo lamentou a “maquinaria desgalleguizadora” que se implementou a través do ensino e os medios, o que promoveu unha fronte de estudo da lingua, con propostas pedagóxicas moi significativas que se tomaron como referencia logo no proceso de normalización, “no que seguimos”.

Henrique Monteagudo: "O galego sae do franquismo ferido de gravidade”

Te puede interesar