Aumentan en Galicia os accidentes mortais de motoristas e os sinistros con coches en sentido contrario

Fronte aos 89 falecidos en 2024, un máis que en 2023, no que vai de ano descenderon un 25% os óbitos
Aumentan en Galicia os accidentes mortais de motoristas e os sinistros con coches en sentido contrario
Pedro Blanco, centro, nun momento da reunión este luns | Patricia G. Fraga

Galicia rexistrou en 2024 un aumento de accidentes mortais de motoristas, así como de sinistros por coches en sentido contrario ou nos que houbo implicados animais salvaxes, segundo datos achegados polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, con motivo da reunión da Comisión Galega de Tráfico e Seguridade viaria. No que vai de ano, resaltou, pola contra, o descenso nun 25% do número de mortos.


En canto á cifra de falecidos o ano pasado, explicou que ascenderon a 89, un falecido máis respecto a 2023, polo que sostivo que se pode considerar a situación de “case estabilidade” dado o incremento nun 3% da mobilidade. Con todo, resaltou o feito de que “sete de cada dez accidentes mortais” prodúcense en coches que teñen máis de dez anos de antigüedade.


Blanco subliñou tamén o incremento de sinistros en usuarios vulnerables, fundamentalmente motoristas, con dez falecidos máis en 2024, cun total de 25 condutores falecidos. Por iso, apelou a estudar novas medidas preventivas e insistir en campañas de sensibilización.


Por outra banda, aludiu ao incremento de usuarios que circulan en sentido contrario, que aumentaron un 30%. En canto aos sinistros nos que hai implicados animais salvaxes, cun incremento do 11% en 2024, asegurou que se trata de analizar as medidas postas en marcha e valorar novos sistemas. Mentres, o delegado do Goberno resaltou os investimentos estatais para mellorar as estradas, cun aumento do investimento de “máis dun 40%”.

 

Balance por provincias


Respecto ao balance de sinistralidade viaria do pasado ano, Pedro Blanco detallou que as provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra rexistraron menos vítimas mentres que, pola contra, A Coruña aumentou as súas cifras un 46 por cento. O delegado do Goberno chamou a atención sobre o aumento de mortes entre os motociclistas, con 25 falecidos en 2024, dez máis que o ano anterior.


Esta tendencia, indicou, levou a que este ano se incrementen as tarefas de vixilancia e concienciación dirixidas a este colectivo, como a campaña especial desenvolvida en Galicia a mediados de maio ou o incremento da vixilancia nas fins de semana que acaba de anunciar a DGT a nivel nacional. Blanco concluíu destacando a “colaboración coa que traballamos todas as administracións implicadas en seguridade viaria para que as nosas estradas sexan cada vez máis seguras”.


Ademais, na reunión repasáronse outros temas relacionados coa seguridade viaria. Entre eles, abordáronse o incremento dos incidentes relacionados con vehículos en sentido contrario, e os incidentes provocados por atropelos de animais salvaxes.


En ambas as vertentes, dous equipos formados por representantes das administracións e forzas de seguridade traballan para analizar a casuística de ambos grupos de accidentes e avaliar, así, as solucións técnicas que se poidan implementar no resto da rede viaria. 

Aumentan en Galicia os accidentes mortais de motoristas e os sinistros con coches en sentido contrario

Te puede interesar