O asasino confeso de Elisa Abruñedo, Roger Serafín Rodríguez, asegurou este venres que non pode xustificar o ocorrido: “Non son capaz de entender o meu comportamento. Non é a miña vida nin a dos 39 anos anteriores”, sostivo.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña acolleu a última sesión do xuízo contra Roger Serafín Rodríguez, de 51 anos, na actualidade, por uns feitos ocorridos o 1 de setembro de 2013 no municipio coruñés de Cabanas, cando el contaba con 39 anos e a súa vítima, Elisa Abruñedo, 46, no momento en que a asaltou, violouna e matouna, segundo a súa propia confesión, realizada dez anos despois, cando foi detido.
A Fiscalía reclama 32 anos de cárcere e as acusacións particulares soben a pena ata 37 anos por un asasinato cunha agresión sexual, mentres a súa defensa solicita rebaixar o ocorrido a un homicidio cunha agresión sexual, cun mínimo de 14 anos.
No seu dereito á última palabra –que finalmente exerceu pese a que previamente se comunicou de que non o faría uso dese dereito– o acusado alegou que non é “capaz de entender” o seu comportamento daquel día.
“Non hai forma de xustificar isto, nin eu mesmo podo, non o entendo. Non é a miña vida nin a dos 39 anos anteriores. Ese momento puntual da miña vida non ten que ver comigo, non se que ocorreu. Non teño forma de arranxalo, tampouco o que poida dicir serve de nada”, expresou.
Na súa exposición final, a defensa recoñeceu que son uns “feitos completamente atroces”, aínda que pediu que non se faga un “xuízo paralelo”.
Defendeu que o móbil do crime foi perpetrar unha agresión sexual e non unha discriminación por xénero –como sosteñen as acusacións– e, respecto ao asasinato, alegou que a vítima tivo capacidade para defenderse e mesmo pediu socorro, polo que cre que non concorre a agravante de aleivosía.
O Ministerio Público, en cambio, considerou que se tratou dun asasinato, xa que, dada a diferenza corporal de ambos, non houbo opción de defensa.
Sobre a posibilidade de que o acusado disociase a realidade e pensase que os feitos os cometera outra persoa, afirmou que “non ten ningún trastorno psiquiátrico nin ningún problema de memoria”.
“Calquera persoa, vencendo a súa propia resistencia moral, pode cometer estes feitos”, dixo sobre unha situación que cualificou como “maldade” sen que existan elementos de saúde mental.
As acusacións particulares, que representan aos fillos da vítima, engadiron a agravante de abuso de superioridade aos seus escritos.