Para o vindeiro curso, a oferta de Formación Profesional amplíase en todas as áreas territoriais e, concretamente na de Ferrol, un 3,99%. Este incremento materialízase na incorporación dun total de trece titulacións novas repartidas tamén polas comarcas veciñas do Eume e Ortegal.
Entre os centros que acollen formacións por primeira vez destaca o CIFP Ferrolterra, cuxa oferta aumenta coas FP Dual Intensiva en Instalacións de produción de calor, de Mecanizado, en Construcións metálicas e en Mantemento electrónico. Tamén se inclúen o novo título de Alta Especialización en Sistemas de telecomunicacións e informáticos e oferta parcial de Sistemas electrotécnicos e automatizados, e o máster en Mantemento de vehículos híbridos e eléctricos.
As novas FP Dual Intensiva son en Administración e finanzas, así como en Transporte e loxística, no Rodolfo Ucha; Automoción, no IES de Fene; Atención a persoas en situación de dependencia, no de Ortigueira; e Mecatrónica industrial, no Castro da Uz das Pontes. Neste último tamén se estrea a Dual Xeral en Administración e finanzas.