A Xunta investirá 2,3 millóns en melloras de paradas de bus en Ares, Fene, Mugardos e Neda

A Xunta investirá 2,3 millóns en melloras de paradas de bus en Ares, Fene, Mugardos e Neda
Aneiros xunto cos alcaldes e representantes políticos dos Concellos que se beneficiarán das melloras en materia de transporte

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada dos alcaldes de Neda, Ángel Alvariño; Mugardos, Juan Domingo de Deus; Fene, Juventino Trigo, e Ares, Julio Iglesias, presentou onte en Neda o Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas da zona sur de Ferrol, na que se asentan os devanditos concellos, que suporá un investimento autonómico de 2,3 millóns de euros.
 

Aneiros achegouse, xunto ao xefe territorial de Infraestruturas, José Antonio Álvarez, á Avenida Alxeciras, á altura do número 63, unha vía na que se levarán a cabo 12 actuacións, segundo recolle o proxecto da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.
 

Tamén informou de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba onte mesmo o anuncio polo que se somete a información pública este proxecto a efectos expropiatorios e para que os interesados poidan facer as súas achegas. O proxecto prevé actuacións nun total de 69 paradas de autobús. A súa maioría, un total de 32, detallou Martina Aneiros, sitúanse no concello de Neda, mentres que 17 corresponden ao municipio de Mugardos, 16 ao de Fene e as catro restantes ao de Ares.
 

A delegada territorial apuntou tamén que o obxectivo das intervencións que se van a levar a cabo é reforzar a seguridade, mellorar o equipamento das paradas de autobús e favorecer a mobilidade e a accesibilidade na súa contorna. “Somos conscientes de que as paradas son o primeiro elemento de contacto entre o usuario e o transporte público”, remarcou Aneiros.
 

Seguridade

A representante da Xunta avanzou que as intervencións previstas garantirán a accesibilidade, pensando especialmente nas persoas con dificultades de mobilidade, para o que se executarán ramplas de acceso e se dotará á contorna das paradas de pavimento pododáctil. Ademais o programa pretende favorecer a conectividade das paradas, a través da construción de beirarrúas e sendas peonís, como dixo.
 

Tamén se mellorará o equipamento das paradas, coa dotación de novos refuxios que protexan aos usuarios fronte ás inclemencias do tempo, bancos e apoio isquiático que aporten comodidade aos viaxeiros durante a espera.
 

Martina Aneiros tamén se referiu ao esforzo da seguridade das paradas, ampliando o espazo, mellorando a sinalización e incidindo na velocidade. Ademais eliminarase a vexetación da contorna e mellorarase a visibilidade e a iluminación, para facelas máis seguras.
 

Segundo Aneiros, “o Goberno galego está a facer unha aposta sen precedentes nos últimos anos polo fomento do transporte público e que vén reflexada na renovación e modernización de todo o mapa de transporte interurbano da comunidade”. Trátase dunha teima “que tamén se demostra nos máis de 90 millons que a Xunta destinará no vindeiro ano ao transporte interurbano, financiando o 76% do custo da prestación deste servizo público e o 100% nos caso dos arredor de 135.000 menores de 21 anos que empregan a tarxeta Xente Nova, coa que viaxan de balde no autobús da Xunta”, subliñou Aneiros.

A Xunta investirá 2,3 millóns en melloras de paradas de bus en Ares, Fene, Mugardos e Neda

Te puede interesar