“Á xunta da noite”, a piques de esgotar as cadeiras para asistir aos vindeiros concertos

“Á xunta da noite”, a piques de esgotar as cadeiras para asistir aos vindeiros concertos
Unha das funcións programadas durante o verán en San Sadurniño | c.g.

A programación cultural “Á xunta da noite”, impulsada polo Concello de San Sadurniño, prosegue mañá venres na área recreativa de Lamas, cunha velada protagonizada por Circus Magníficus, o grupo tradicional Os Argalleiros de Oroso e Lenda Ártabra. Hai un cento de asentos dispoñibles, e ata o de agora xa se ocuparon máis da metade (76, co que quedan 24 aínda libres). Na actuación do venres próximo, en Santa Mariña do Monte, a reserva vai aínda máis rápido, con 90 asentos reservados e xa só unha decena dispoñible. Neste caso os veciños poden asistir á función do Mago Dani, a escola municipal de gaitas e a escola de cantos de taberna.

Esta proposta que achega os concertos a cada parroquia para prescindir de aglomeracións pero non por iso esquecer a oferta cultural, proseguirá semanalmente ata o 18 de setembro, sempre que  situación sanitaria e a normativa estatal e autonómica o permitan. Ata entón  pasarase polo campo da Bóla, en Naraío (o 28 de agosto), a capela de Santiago de Silvalonga (o 4 de setembro), o palco da música de San Paio, en Ferreira (o 11 de setembro), e a área recreativa dos Currás (18 de setembro). Ofrécese ademais un servizo de cantina con ración de liscos a cinco euros, incluíndo bebida.

A reserva debe facerse a través do 616 332 919, ou no correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal. Seguirase a orde de solicitudes e terán prioridade os empadroados no Concello. A organización pide que, se non se pode acodir, se informe para poder facilitarlle o asento a outras persoas. 

As medidas de seguridade ante a pandemia inclúen a obligatoriedade de levar máscara a partir dos seis anos e de permanecer sempre sentado e a colocación das cadeiras cun mínimo de 1,5 metros de separación (agás que as ocupen persoas convivintes, que poden xuntárense).

“Á xunta da noite”, a piques de esgotar as cadeiras para asistir aos vindeiros concertos

Te puede interesar