Xulio Rodríguez substitúe a Elia Rico á fronte do Consello Local do BNG en Ferrol

Xulio Rodríguez substitúe a Elia Rico á fronte do Consello Local do BNG en Ferrol
xulio rodríguez, onte ao inicio da asemblea local, co portavoz do bng no concello, iván rivas jorge meis

O ferrolán Xulio Rodríguez, membro do Consello Local do BNG, resultou onte elixido novo responsable do partido en Ferrol, substituíndo no cargo a Elia Rico. O salón de actos da Casa Solidaria acolleu onte, ás oito da tarde, a asemblea na que se procedeu a renovar os cargos da dirección local do partido, un proceso enmarcado na XIV Asemblea Nacional da formación, celebrada o pasado 17 de marzo e na que se renovan as estruturas da organización a nivel nacional, comarcal e local. A única candidatura que se presentou ó proceso na cidade naval foi a de Xulio Rodríguez e da mesma forma parte, como número dous, a anterior responsable, Elia Rico. Rodríguez concurriu como número sete ás eleccións locais de Ferrol na lista liderada por aquel entón polo nacionalista Xoán Xosé Pita.

Ademáis de Elia Rico, forman parte do Consello Local da cidade Francisco de Borja González, Andrea Pardo, Alexandre García, Luisa Sánchez, Xan Rico, Antonia Martínez, Iván Rivas –actual portavoz do BNG no Concello–, María do Mar López, Xoán Xosé Lourenzo, Mercedes Tobío –concelleira do BNG en Ferrol e actual responsable comarcal do partido–, Lois Sánchez, Ana Vérez, Pedro Fernández e Xoán Xosé Galdo. Unha parte da candidatura, tal como se subliñou onte desde o propio partido, está formada por persoas afíns ao mesmo pero que, polo momento, non tiñan participación activa nos organismos da formación.

Elia Rico asegurou onte que decidiu non presentarse novamente como candidata á reelección porque “creo que a renovación de cargos é importante e actualmente eu estou implicada noutros movementos e poido colaborar no Consello Local pero non coa mesma responsabilidade”. Rico defendía onte, unhas horas antes do inicio da asemblea, a importancia de que “outra xente tome o relevo” na organización.

Na reunión celebrada onte nas instalacións da Casa Solidaria tamén se analizaron as liñas de traballo que desenvolverán os nacionalistas a nivel local durante os vindeiros meses.

 

novos cargos

O BNG de Ferrolterra renovará hoxe a dirección comarcal do partido, á fronte da que actualmente está Mercedes Tobío, que lidera a única candidatura presentada, e á executiva do partido. Ademais, nomeará a tres representantes da comarca no Consello Nacional da formación, aos responsables de cada localidade da comarca a a un da organización xuvenil Galiza Nova.

A asemblea será ás  19.30 no Centro Cívico de Caranza.

Xulio Rodríguez substitúe a Elia Rico á fronte do Consello Local do BNG en Ferrol

Te puede interesar