Xornada formativa sobre fabricación aditiva a escala industrial no Campus ferrolán

O Centro de Investigacións Tecnolóxicas (CIT) e o Campus Industrial da Universidade da Coruña organizan o vindeiro venres, ás 10.00 horas, unha xornada formativa sobre fabricación aditiva dirixida a investigadores, profesionais do sector e público interesado na temática.

A actividade, que terá lugar no salón de graos da Facultade de Humanidades e Documentación, contará na apertura coa presenza do director do Campus Industrial, Ginés Nicolás Cosata; e a directora do CIT, Anne Gosset.

Sesións

A primeira sesión de traballo dará comezo ás 10.10 horas e estará centrada na fabricación aditiva a escala industrial. Nesta mesa intervirá o fundador de ITFAB, Iago Iglesias, quen xunto a outros tres exalumnos da Escola Universitaria de Deseño Industrial do Campus de Ferrol puxo en funcionamento este servizo de impresión 3D profesional na cidade da Coruña.

Xunto a el estará tamén o fundador de MakerGal, Álvaro Rey Rodríguez, o responsable do Departamento de I+D+i do Centro Tecnolóxico Aimen, Ambroise Vandenwynsckèle, e o coordinador de Mercados, Dirección de Estratexia e Desenvolvemento de Negocio de Idonial Centro Tecnolóxico, Juan Carlos Piquero.

Ás 12.00 horas dará comezo a segunda sesión de traballo, centrada na aprendizaxe e na investigación no eido da fabricación aditiva.

Nesta intervirá o coordinador do Grupo de Aplicacións Industriais do Láser da UDC, Armando Yáñez Casal, a integrante do Grupo de Polímeros da UDC, María José Abad, a do Grupo Integrado de Enxeñaría, Anne Gosset, e o profesor e investigador da Escola Universitaria de Deseño Industrial, Álvaro Deibe Díaz.

As persoas interesadas en participar nesta xornada terán que enviar un correo electrónico cos seus datos persoais á dirección oficina.campusindustrial@udc.es antes das 14.00 horas deste xoves. As prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Xornada formativa sobre fabricación aditiva a escala industrial no Campus ferrolán

Te puede interesar