Xoán A. Pérez-Lema | “Os requisitos fixados para a moratoria hipotecaria son enleados para a xente do común”

Xoán A. Pérez-Lema | “Os requisitos fixados para a moratoria hipotecaria son enleados para a xente do común”
O ABOGADO XOAN ANTON PEREZ LEMA

Xoán Antón Pérez-Lema cre que os empregados da banca non foron debidamente formados para tramitar estas solicitudes e informar aos clientes.

Os datos indican que só se está aprobando o 20% das moratorias solicitadas...

Os requisitos son enleados: hai que estar en desemprego ou ser autónomo cunha baixa de facturación de máis do 40%, que sexa vivenda habitual –para persoas consumidoras– e mais os requisitos de vulnerabilidade: ingresos de até tres Iprem –agora é 543 euros–, máis incrementos por fillos menores, persoas maiores, dependentes, etc. Ademais, a cota hipotecaria xunto cos gastos en subministracións básicas (electricidade, auga...) serán do 35% dos ingresos e que a cota medre un 30% sobre a súa participación nos gastos da unidade familiar. É dicir, nun contexto de confinamento, con millóns de persoas con baixa formación dixital e baixa comunicabilidade –Quen ten megas a todo filispín na wifi? Quen ten datos ilimitados?–, o Goberno do Estado optou por un sistema enleado. De todos os xeitos, cómpre dicir que o banco non pode rexeitar a solicitude se cumpres os requisitos. E se o fai, existe un procedemento xudicial sumario que se pode facer valer.

As condicións que recolle o real decreto son demasiado esixentes?

Son condicións confusas e non doadas de interpretar para a xente do común. Velaí a necesidade de acudir ás asociacións de consumidores (en Acouga temos o email acouga@acouga.net para resolver estas cuestións) ou aos despachos da avogacía para coñecer ben os dereitos. Hai que dicir que, fóra das condicións de desemprego, rebaixa dos ingresos de autónomos, empadroamento e convivintes na unidade familiar, o resto dos requisitos poden ser excepcionados cunha declaración responsábel que di sinxelamente que nós mesmos aseguramos cumprilos. Ollo, no mes posterior a rematarmos o estado de alarma haberá que xustificar documentalmente o manifestado nesta declaración responsábel. Penso que o persoal das oficinas nin coñece ben os dereitos dos seus clientes neste eido nin recibe formación das entidades. A grave limitación dos contactos presenciais cos empregados bancarios tampouco axuda, nomeadamente a xente maior e os sectores sociais con menos formación dixital e medios para operar en internet. Mais cómpre dicir tamén que saír a facer esta caste de xestións á túa oficina bancaria está permitido pola lexislación que regula o estado de alarma.

Cre que a banca está a ser proactiva nesta crise?

Proactividade, dende logo, non. O que contrasta coa que se ve a respecto dos préstamos ICO ou Igape para pemes e autónomos. Quizais é por falla de formación dos empregados comerciais. Ditouse unha enxurrada lexislativa e isto require unha actualización diaria, como facemos os avogados. Se as entidades non forman aos seus empregados comerciais, estes non poden asesorar aos clientes. Velaí que aconselle a todas as persoas que podan ser titulares de novos dereitos derivados da lexislación excepcional promulgada nas últimas semanas contra as consecuencias económicas da Covid-19 –prórroga de cotas hipotecarias e alugueiros, prestación para empregadas de fogar e contratos temporais, Igape para pemes e autónomos, suspensión de pagamento de subministración eléctrica e de telecomunicacións, etc– porse en contacto con Acouga ou cun despacho de avogacía para obter a información precisa. Porque, sen información, non seremos quen nin de coñecer nin de exercer os nosos dereitos como consumidores.

Xoán A. Pérez-Lema | “Os requisitos fixados para a moratoria hipotecaria son enleados para a xente do común”

Te puede interesar