Entre as catro localidades galegas que pisarán esta semana Susana Travassos e Luiz Gabriel Lopes está Ferrol. Nesta cidade aterran este mesmo venres para dar un concerto no centro social Artábria, a partir das 21.30 horas.
Con esta sesión, os artistas convidarán a celebrar a música como ponte e lembrarán que a lusofonía tamén é, amais dunha cuestión lingüística de debate, unha forza de conexión e comprensión con outros países. A música que achegará LuizGa mestura xéneros como a samba e o maracatu, entre moitos outros. Neste encontro acompañarase de Susana Travassos, unha artista que tamén se caracteriza pola fusión, neste caso de estilos coma o fado, jazz e cantigas portuguesas ou latinoamericanas.