O panorama musical de Ferrolterra está repleto de bandas locais de estilos diversos, pero adoita tratarse dun contexto cambiante, pois mentres que uns grupos se disolven, xurden outros. É por iso que Sr. X é estraño na súa especie, xa que este ano celebrou o seu décimo aniversario coa intención de continuar facendo música.
Sr. X. é unha banda que se move por xéneros como ska, reggae, blues ou latin e está integrada por Tania Redondo (voz), Rubo Ferreira (trompeta), Sito Rivera (saxofón) Esteban Galego (trombón), Mon Ibáñez (guitarra) Juan Rodríguez “Sonic” (baixo) e Ángel Caneiro “Gelo” (batería). Nos seus comezos ensaiaban en Canido, pero acabaron trasladándose a Fene. Durante a súa década de vida destacan actuacións en festivais como o Gulliver Fest, o Fene Rock, a edición do Bless Festival de 2019 encabezada polo cantante de reggae Bitty McLean e o Ferrol Verán de 2022 compartindo escenario con Bonnie Tyler.
A pesar de todo, non esquecen os numerosos concertos no Cruceiro de Canido ou os eventos máis “underground” preto do público, nos que lles encanta subir a “colegas” ao escenario para que os acompañen cantando algunha canción.
Os seus integrantes teñen moi claro cales son as claves para que un grupo de sete integrantes se manteña durante unha década: a amizade e a falta de presión. Tania, que leva dende o inicio, afirma que as únicas expectativas que tiñan eran “tocar entre amigos”. Rubo, outro dos fundadores, coincide coa súa compañeira explicando que comezaron a dar concertos porque “empezaron a xurdir bolos por Canido e por outros sitios”, e a vocalista apunta que “non tiñamos nada plantexado e todos os concertos que fixemos non os buscamos nós, sempre nos chamaron”. Recordan como na súa primeira actuación, na sala Super 8 de Ferrol, non tiñan nin nome de grupo e empezaron a identificarse como Sr. X xa que así era como se chamaba o grupo de whatsapp que tiñan para quedar.
Defínense como unha banda que avanza “pouco a pouco”e recentemente comezaron a tocar temas propios que contaron cunha gran acollida por parte do público. Non obstante, non sempre levan o mesmo ritmo, pois a causa de situacións persoais, laborais e de saúde que van xurdindo entre os integrantes, non sempre poden adicar tanto tempo aos ensaios, pero como di Gelo “seguimos estando, que é o importante”. Nos momentos máis baixos, “tiran uns dos outros” e se contaxian as ganas entre si para manter vivo o grupo.
“Temos altibaixos, ás veces estamos ensaiando un montón, hai máis concertos...e outras veces por traballo ou por saúde temos etapas de baixón” afirma Tania, salientando tamén que a pesar disto “ninguén quere deixalo, estamos todos a gusto”.
Empezaron a xuntarse para tocar entre amigos e empezaron a xurdir actuación por Canido e outros lugares da contorna
Adaptan o ritmo de ensaios ás circunstancias vitais do momento, pero non lles faltan ganas de seguir facendo música
Cal é a fórmula para manter un grupo durante tanto tempo? O batería ten moi claro que o punto máis importante é a amizade. “Coñecémonos dende fai tempo e gústanos tocar xuntos, temos moitísima complicidade, rimos e nos miramos mentres tocamos e iso pesa moito máis que calqueira tipo de problema” admite o batería, que ademais declara que hoxe en día “é do mellor que te podes atopar no mundo da música”. “Todos conxeniamos moi ben, somos persoas moi afíns e temos ideais e valores en común” afirma Tania, “sobretodo non hai ninguén con moito ego” e explica que o que provoca rupturas en numerosas bandas é a xente “ con moito ego que ordena ao resto o que ten que facer”.
Esta complicidade é o que lles permite disfrutar máis, rir dos seus fallos e poder “tratar o erro como unha anécdota” como di Mon, pero sen esquecer o compromiso e o esforzo por mellorar.
Rubo volve a mencionar as expectativas e asegura que tamén axuda non ter a presión de tocar en festivais ou concertos importantes, así como non concibilo a modo de “traballo”, pois “cada un fai o que pode”.
Actualmente Sr. X está moi comprometido coa iniciativa “La música no es ruído”, que loita contra a regulación dos concertos en locais do centro de Ferrol, que perxudica a moitas bandas e músicos locais así como “á vida cultural de Ferrol”.