O Talentiño pecha a inscrición con grande éxito de participación

O Talentiño pecha a inscrición con grande éxito de participación
Os organizadores co cartel da convocatoria | AEC

O sábado remataba o proceso de inscrición de participantes no certame do Talentiño e por iso as entidades da intrabarrial de Canido e os membros da organización do evento queren “agradecer a confianza depositada polos pais, nais e rapaces da comarca de Ferrolterra” con respecto ao concurso de talentos.
Logo de tres semanas de proceso de envío de solicitudes de participación “recibironse máis de 50 correos electrónicos dos que moitos tiveron que ser desatendidos ó tratarse de rapaces que non cumprían coas bases da convocatoria”, xa sexa por non pertencer á comarca, non cumprir a idade ou non corresponderse coas disciplinas artísticas da convocatoria. Así, unha vez se desbotaron esas inscricións preto de 40 nenos de toda a comarca tomarán parte finalmente nesta primeira edición de  O Talentiño.


Desde a organización explican que nos vindeiros días o xurado –integrado por Lucía Pérez, Xabier Vizcaíno, Eva Faraldo, Joaquín Enríquez e Roberto Taboada,– escollerá os finalistas titulares que competirán en cada categoría, elixirán tamén aos suplentes finalistas, “por se algún dos titulares non puidese participar na final”, precisan.


Paralelamente se seleccionarán os talentiños que pasarán a formar parte do catálogo dixital. Cómpre salientar que todos os finalistas integrarán o devandito catálogo, que se elaborará a partir de fotografías e información que se solicitará ós pais o día da final. Todos os seleccionados acudirán á gala da gran final do Talentiño, que terá lugar o vindeiro día 30 de abril ás 19.00 horas. 


Debido a excelente acollida a  organización está pensando  en trasladar o certame ao Centro Cultural Torrente Ballester. 

 

Alta participación

Ferrol é terra de talento, xa o sabemos. Pero a organización do Talentiño puido comprobar de primeira man o éxito acadado trala convocatoria do seu certame. Primeiro, dada a morea de correos que foron recibindo, víronse obrigados a ampliar a idade, podendo presentarse nenos máis pequenos do inicialmente pensado e logo tamén optaron ampliar o radio influencia da cita, xa que moitas peticións eran doutros concellos, de modo que se trata dun certame de carácter comarcal. Así, o vindeiro día 30 todos os elixidos poderán demostrar as súas potencialidades nos eidos da música, como instrumentistas ou por medio do baile. Así as cousas a organización está máis que satisfeita polo alcance desta nova proposta que nace da unión das asociacións que integran a Intrabarrial de Canido. Cómpre salientar que a cita tamén conta co apoio do Concello de Ferrol.

O Talentiño pecha a inscrición con grande éxito de participación

Te puede interesar