A biblioteca municipal volverá ser escenario esta tarde de mércores, ás 19.00 horas, dun novo encontro organizado por medio do convenio que mantén o Concello coa Facultade de Humanidades e Documentación. Nesta ocasión, as voces protagonistas serán as do artista e crítico de arte para este xornal, Suso Basterrechea, e do técnico de exposicións do centro cultural Torrente Ballester, José Liñeira, que conversarán na mesa redonda “A pintura ferrolá dos séculos XIX e XX”.
Ambos realizarán un percorrido por esta parte da historia, cada un dende o seu punto de vista, atendendo ao “que consideramos máis importante para a cidade e para o mundo artístico ferrolán, que non sempre se corresponde co que está no imaxinario e nos libros de texto”, sinala Liñeira. Este relator tamén detallou que, aínda que cada un poida centrarse máis nun século concreto, “por máis que nos empeñemos” neste sector non existen “épocas estancas que se separen das demais, senón que hai unha permeabilidade”, polo que entre os dous realizarán o repaso nunha “charla o máis distendida posible”, expresa Basterrechea.
Segundo explica o técnico do Torrente, o itinerario pola historia pictórica local deterase nas figuras que condicionaron o movemento actual, polo que na cita tamén se fará oco ao presente. Precisamente, o seu compañeiro deu conta da intención de achegarse tamén a algúns nomes destacados da contemporaneidade, aínda que “de maneira máis prudente”, co obxectivo de incluír unha “mirada de futuro”.
Os especialistas coincidiron en que unha das primeiras paradas no camiño centrarase en Jenaro Pérez Villaamil que, tal como apunta José Liñeira, representa a un “un artista máis que destacado do século XIX”. Deste pintor tratarase a “súa importancia para o imaxinario colectivo da cidade, para o mundo artístico e tamén para a historia da arte de todo o territorio español”.
Sobre Villaamil, Suso Basterrechea referencia a súa aproximación ao romanticismo inglés e a paisaxe como un dos seus motivos principais, amais do importante labor desempeñado na “España artística y monumental”, unhas coleccións de gravados que rexistran algúns dos monumentos máis importantes do Estado. Ademais, “era un tipo moi viaxado, de feito intentou facer unha carpeta similar con Bélxica Monumental pero non foi para adiante por problemas de financiación”, apunta o profesor.
En relación con isto, Liñeira continúa relatando que, se ben moitos dos protagonistas do século XIX despuntaron a nivel estatal, no XX atópanse “máis artistas que permaneceron na cidade”, polo que a súa pegada no ámbito local está mais acentuada. Nesta última etapa falarase de clásicos como Sotomayor, Bello Piñeiro, Camilo Díaz Valiño, Imeldo Corral e Ricardo Segura Torrella, segundo Basterrechea, que tamén tratará de abrir debate sobre “se existe ou non a escola ferrolá de pintura”.