Sete millóns de euros para a mellora de outros tantos centros educativos en Ferrol

Román Rodríguez incide na aposta da Xunta polo ensino público co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
Sete millóns de euros para a mellora de outros tantos centros educativos en Ferrol
Un momento de la reunión mantenida este sábado en la delegación territorial de la Xunta I Cedida

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, anunciou este sábado unha inxección de arredor de sete millóns de euros para acometer obras de ampliación, rehabilitación e mellora en sete centros educativos da cidade durante o próximo ano 2024. Trátase dos CIFP Ferrolterra, Leixa e Rodolfo Ucha Piñeiro e dos institutos Sofía Casanova, Carvalho Calero, Concepción Arenal e Ferrol Vello. 


“Isto, ademais de reflectir o compromiso explícito da Xunta de Galicia cos cidadáns ferroláns, supón unha importante renovación das principais infraestruturas do ensino neste concello”, asegurou Román Rodríguez, que avanzou tamén que os trámites administrativos para todas estas actuacións van comezar ao longo de 2024 coas redaccións dos distintos proxectos “que serán os que detallen, desde unha perspectiva técnica, os pormenores das accións en cada un deles”.

 

Aposta pola FP 

Na liña da aposta do Goberno galego polo impulso e reforzo das ensinanzas de Formación Profesional en toda Galicia, e especialmente na área de Ferrol, o conselleiro de Educación avanzou que a meirande parte do investimento —arredor de 4,7 millóns de euros­— absórbena as actuacións previstas nos tres centros integrados de FP radicados neste concello e que dan servizo a toda a comarca. 


Así pois, no CIFP Ferrolterra está prevista unha ampliación por un importe de 2,5 millóns de euros, mentres que no CIFP Leixa procederase a unha rehabilitación integral por un valor de 1,5 millóns de euros e outros 700.000 euros destinaranse ao CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro para acometer a reforma das cubertas. 


Por outra parte, a Consellería tamén ten previsto actuar en catro dos sete institutos cos que conta esta cidade co fin de acadar infraestruturas educativas máis confortables e sostibles, así como preparadas para encarar os retos tecnolóxicos das próximas décadas, tal e como establece o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.

 

Obras en catro institutos 

Neste senso, a obra de maior envergadura desde o punto de vista investidor é a rehabilitación integral que se vai levar a cabo no instituto IES Sofía Casanova, por un importe de 1,5 millóns de euros. No caso do IES Ricardo Carvalho Calero, instalarase unha cuberta para educación física e reformarase o actual ximnasio da planta alta para uso de aulario, o que suporá un investimento aproximado de 650.000 euros. 


A Consellería tamén ten previsto dotar o IES Concepción Arenal dunha pista cuberta e o IES Ferrol Vello dun pavillón polideportivo, para o cal aínda non hai unha estimación de custo porque, tal e como explicou Román Rodríguez, estase á espera dos informes urbanísticos que confirmen a viabilidade destas dúas actuacións de xeito que teñan todas as garantías.

 

Mellora do sistema educativo 

O anuncio efectuado onte polo conselleiro chega unhas horas despois de que o Consello da Xunta dera luz verde ao acordo acadado entre o Goberno galego e as organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT-SP Ensino para a mellora do sistema educativo galego, o que permite comezar a aplicar xa, a partir de xaneiro, as medidas nel recollidas, sobre todo no que atinxe aos aspectos de carácter salarial. 


O convenio alcanza un paquete de accións acordadas que entrarán en vigor o vindeiro curso e que abranguen melloras nas rateos por aula, na atención á diversidade, no horario lectivo e na carreira profesional docente, así como en cuestións de carácter burocrático. 

 

O alcalde AGRADECE O ESFORZO ANUNCIADO POLO GOBERNO GALEGO

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asistiu á reunión que o conselleiro mantivo con directores de diversos centros educativos da cidade. O rexedor agradeceu ao conselleiro e á Xunta “a implicación e compromiso coa cidade na renovación destes espazos de ensino”. 


Neste sentido, o Concello de Ferrol colabora constantemente coas actividades promovidas polos centros educativos da cidade. No pasado mes de novembro, a corporación encabezada por Rey Varela recuperou a tradición de celebrar visitas dos centros escolares á casa consistorial para coñecer o funcionamento da Administración local.
 

Sete millóns de euros para a mellora de outros tantos centros educativos en Ferrol

Te puede interesar