A asociación cultural Artábria organiza na noite deste sábado, a partir das 22.00 horas, outra sesión musical de auténtico punk-rock galego. Dende Valga, na comarca de Caldas, chegará Satenta, que estará acompañada dos de Melide Kase7e.
O primeiro grupo fundouse en 2015 e, despois de diversas mudanzas na formación, virá a Ferrol a presentar o seu último traballo de estudo, denominado “Ecos de Loita”. Neste disco poderanse escoitar influencias como os Guns n’Roses, The Clash ou The Offspring, coas características letras combativas de Satenta, que se asentan en ritmos rápidos e potentes.
Os de Valga compartirán o escenario do centro social con Kase7e, que darán a coñecer na cidade o seu primeiro disco de longa duración, titulado “Punk guarro”. Este repertorio distínguese polo ruído intenso e a velocidade, polo que entre ambos proxectos encargaranse de pechar a programación mensual da asociación Artábria con “muita zapatilha”, nunha cita con billete inverso.