“Estas revistas axudan a prestixiar a cultura dos seus pobos e dos seus cidadáns”

“Estas revistas axudan a prestixiar a cultura dos seus pobos e dos seus cidadáns”
A Casa da Cultura eumesa acolleu a presentación do número 25 da revista | j. Ríos

Cinco anos despois de aterrar como bibliotecario en Pontedeume, Alexandre Caínzos –que desde entón continúa á fronte do devandito servizo municipal– poñía sobre a mesa a posibilidade de crear unha revista de estudos locais como xa se estaba a facer en outros municipios próximos como Betanzos.
Compartida a idea con outras persoas relacionada co eido do ensino da vila, o proxecto tomou axiña forma para convertirse desde 1993 nunha publicación de referencia na zona. Xunto a Caínzos (que asume a coordinación), outras catro persoas integran o consello de redacción da publicación: Carlos de Castro, Andrés López, Rocío Pena e Sindo Vilariño. 
Todos eles presentaron onte, na Casa da Cultura, o número 25 desta revista de carácter anual que ten como principais obxectivos potenciar a investigación e difundir a historia local. “Estas revistas axudan a prestixiar a cultura dos seus pobos e dos seus cidadáns”, salienta Caínzos.
A publicación, de carácter anual, recolle unha media de entre 10 e 15 traballos, así como unha “escolma da nosa historia” na que se recuperan artigos sobre a vila que aparecen noutras publicacións. Publícase así mesmo en cada novo número o traballo gañador do Premio de Investigación Etnográfica “Concello de Pontedeume”, creado en 1998 por iniciativa do propio consello de redacción de “Cátedra” e que convoca o Concello. 
Nos últimos anos, e na liña de modernización da revista, os contidos da mesma son ofrecidos tamén en dixital na páxina web catedra.pontedeume.es, na que se poden consultar os traballos publicados.
Colaboracións
Moitos son os colaboradores, da vila mais tamén doutros lugares, que alimentan ano tras ano a publicación cos seus estudos e traballos. Tamén nalgunha ocasión, a revista brindouse á publicación de monografías, como a centrada no Mosteiro de Caaveiro, a da II República ou a de O Torques de Centroña, a proposta neste último caso da Asociación Ardóbriga. 
Caínzos considera que “Cátedra” tivo ademais unha especie de “efecto contaxio” noutros municipios da zona, nos que se foron creando tamén obras deste tipo.
A eumesa, da que se editan cada ano uns mil exemplares, está presente nunhas duascentas institucións galegas, como arquivos, museos ou bibliotecas. Desde hai anos, é a Diputación a que sufraga o custe da edición, polo que non se pode vender. “Nos gustaría que fora de novo o Concello a que a volvera editar para poder distribuíla e vendela nós”, comenta o coordinador da revista. l

“Estas revistas axudan a prestixiar a cultura dos seus pobos e dos seus cidadáns”

Te puede interesar